Remata outro ano. Este 2019 celebramos o noso 40 aniversario, un ano cheo de bos recordos e lembranzas, rodeados de todos vós, que nos acompañades actividade tras actividade, sempre dando folgos para seguir traballando en prol da divulgación e protección do medio natural galego.

Este ano, coa inestimable axuda dos nosos socios e colaboradores, para os que so temos palabras de gratitude, e con moito traballo, ilusión e dedicación, conseguimos sacar adiante 103 actividades que ofrecervos: os nosos Encontros Naturalistas, Actividades exclusivas para os nosos socios, Escolas de naturalistas, Maratóns ornitolóxicos, Certame de debuxo, Roteiros interpretativos, Xornadas de voluntariado ambiental, Charlas e conferencias, Actividades divulgativas en centros de ensino, Xornadas de apoio a Responsabilidade Social Corporativa, feiras de carácter medioambiental…

 Contando sempre con vós, as máis de 3500 persoas que convertéchedes cada iniciativa nun novo éxito de acollida e asistencia. Non nos queda máis que mostrarvos o noso agradecemento.

 

Na nosa parcela de estudo, estivemos implicados en multitude de proxectos como o da Custodia da Píllara das dunas, Lucanus Cervus, Proxecto Noucho, Informes da biodiversidade de diversos espazos, Proxecto biodiversidade do Monte da fraga da man da Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña (OMA-UDC), colaboración no II Bioblitz Courel, censos de ornitolóxicos, Especie do ano da rbMCeTM, etc…

Seguimos adiante cos convenios de colaboración con “Integra Coruña”, CEMMA, Emalcsa ou A Fundación, entre outras, e a participación no Proxecto Libera (Ecoembes-SEO/BirdLife) na limpeza de residuos. Destacar o convenio de custodia e voluntariado co Concello da Coruña, que nos permitiu seguir a traballar na extracción de Carpobrotus edulis, na contorna da Torre de Hércules. Ademais este 2019 actuamos noutros entornos da comarca a través da iniciativa “accións medio ambientais 2019: 40 anos traballando a prol da natureza” en colaboración coa Diputación de A Coruña.

Este 2019 viu o nacemento da iniciativa Habitat Protexe, coa que puidemos axudar ás entidades de Custodia do Territorio a seguir protexendo o noso. Ao longo de 8 xornadas conseguimos recadar fondos para protexer case que unha hectárea que poderán desfrutar as vindeiras xeracións de naturalistas.

Realizamos 14 procesos de asesoramento ou denuncia ambiental, sempre intentando aunar esforzos, en prol da protección do medio natural, nos que tamén apoidamos a outras entidades amigas colaborando no desenrolo das súas propias iniciativas.

Este vindeiro 2020 seguiremos medrando grazas a ilusión e dedicación de todos os que formamos esta gran familia, unida pola mesma paixón que é o naturalismo. Esperámovos de novo!!

Grazas a todos por compartir este ano con nós!!

Saúde e Natureza para o 2020!!