Saramaganta2017-05-19T09:01:44+00:00

©Rafael Vázquez, Ricardo Ferreiro, Juan David Presa

Chioglossa lusitanica, Saramaganta

A Chioglossa lusitanica, coñecida en galego como píntega rabilonga ou saramaganta, é un anfibio da familia Salamandridae, endémico do noroeste da Península Ibérica.

Morfoloxía

Chioglossa por Juan Varela

Ten o corpo esvelto duns 12-13 cm de media, cun longo rabo cilíndrico e rematado en punta que pode chegar a medir o dobre que o corpo, e que aumenta coa idade. Ao igual que as lagartas, pode desprenderse del e rexeneralo, pero xa non será tan longo e terá coloración gris. Posúe catro patas pequenas e cortas, con catro dedos cada unha. Destacan os ollos grandes e protuberantes, nos laterais da cabeza, onde tamén teñen un suco horizontal. Nos costados pode haber entre 10-12 fendas verticais. A pel é lisa e brillante, de cor variable dende pardo a marrón escuro case negro. Son moi características as dúas liñas do dorso de cor dourada ou cobreada, que se unen na cola. O ventre é máis claro, agrisado, azulado ou pardo.

Costumes e dieta

É principalmente nocturna, mais de día pode estar activa en zonas avesías con boa cobertura vexetal ou elevada humidade. Ao contrario que outros urodelos, é áxil e rápida en terra, e aínda máis na auga.

Reprodúcense entre primavera e outono, en función do microclima. Poñen de 12 a 20 ovos que eclosionan entre 6 e 12 semanas despois. As larvas, acuáticas, poden permanecer un par de anos neste estado se as condicións non son óptimas para a metamorfose.

Os adultos, principalmente terrestres, aliméntanse de invertebrados de pequena talla. As larvas prefiren insectos e moluscos acuáticos.

Distribución

Distribución da Chioglossa na Reserva da Biosfera

É un endemismo do noroeste ibérico; é dicir, existe só en Galicia, Asturias, León e a metade N de Portugal, o que fai que teñamos a responsabilidade absoluta de garantir a súa conservación.

Ocupa zonas de mediana a baixa altitude, por baixo dos 1000 msnm, e sempre ligada á humidade. Na Reserva da Biosfera está ben representada, como pode verse no mapa (en laranxa, cuadrículas onde está presente).

Hábitat

Vive limitada a unha asociación moi concreta de hábitats. Por unha banda debe ter dispoñibilidade de regatos de augas limpas e con certa pendente, ben osixenados e non contaminados, xa que as larvas desta especie son especialmente esixentes coa calidade das augas. Por outro lado precisa áreas de bosque caducifolio ben conservadas, requirindo un dosel arbóreo que permita un estrato muscinal (con follas mortas e brións) ben desenvolvido para asegurar a humidade ambiental que precisan os adultos na fase terrestre.

Está ligada a correntes de auga limpas e osixenadas, das que depende na fase larvaria. Os adultos poden afastarse delas, pero sempre que a cobertura vexetal caducifolia e sotobosque asociado garantan unha elevada humidade.

Ameazas

A principal ameaza é a destrución do seu hábitat, ao que contribúen en grande medida:

  • A plantación de eucaliptos, que desprazan a vexetación autóctona, consumen moita auga e reducen o sotobosque, acantoando as poboacións de saramaganta aos regatos.
  • A sobreexplotación de acuíferos, canalización e desvío dos cursos de auga.
  • As infraestruturas que fan de barreira física, como encoros, minicentrais e grandes viais.
  • Tamén lle afecta en grande medida a contaminación e mala calidade das augas.

Está incluída nos catálogos galego e español de especies ameazadas como “vulnerable”. Tamén no Anexo II da Directiva 92/43/CEE (Directiva Hábitats), correspondente a especies de interese comunitario para as que compre designar zonas de especial conservación.

A dependencia, na fase larvaria, de correntes limpas e osixenadas, fai que a presenza de larvas desta especie sexa indicadora de boa calidade do medio acuático. Por outra banda, os adultos dependen de bosques caducifolios en bo estado de conservación, diminuíndo en densidade cando estas fragas se degradan.

Na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo está a padecer os efectos dunha crecente eucaliptización.

Tríptico Saramaganta (PDF)

Tríptico en formato PDF

Podes descargar aquí o tríptico elaborado polo Grupo Naturalista Hábitat para a especie do ano 2015 na Reserva de Biosfera MCeTM
Tríptico Saramaganta (PDF)

Recollida de citas

Para afondar no coñecemento da abundancia e distribución da saramaganta, iniciamos una campaña de recollida de citas, tanto históricas como actuais, de avistamentos ou de atropelos.

Para facilitar o tratamento de datos, poñemos á vosa disposición esta ficha de recollida de datos de avistamentos (PDF).
Ficha de recollida de datos de avistamentos

Artigos e publicacións sobre a saramaganta

Webs e blogs de interese

Fotografías

© Rafael Vázquez