Athene noctua2018-05-16T16:58:04+00:00

Athene noctua, Moucho

Debuxo Woodwardia radicans

Athene noctua (Scopoli, 1769), en galego moucho, é una pequena rapina nocturna que se distribúe pola maior parte de Europa, Asia Central e Norte de África en 13 subespecies diferentes. Atópase presente en Galicia, aínda que existen poucos datos da súa distribución e abundancia actual. Non obstante,  a disminución das poboacións de moucho é un feito. Por este motivo, foi escollida especie do ano 2018.

Para afondar no coñecemento da abundancia e distribución do moucho, iniciamos una campaña de recollida de citas

Para facilitar o tratamento de datos, poñemos á vosa disposición unha ficha de recollida de datos de avistamentos en versión online.
Formulario online

Morfoloxía

Cun tamaño comprendido entre 21 e 23 cm, unha envergadura de 51 a 54 cm e uns 180 g de peso, o moucho presenta un aspecto compacto, rechoncho e pequeno. A cabeza, de aspecto redondeado, conta cuns grandes ollos amarelos que quedan enmarcados polas cellas de cor branco, destacando co intenso moteado do corpo.

Costumes e dieta

Ten hábitos principalmente nocturnos, aínda que é frecuente velo á luz do día. Acostuma pousarse en tellados, postes, muros e outras estruturas. O seu voo é baixo e ondulado.

A época de cría comeza en marzo e pódese estender ata agosto. Forma parellas monógamas e aniña en ocos e cavidades de edificios, árbores, riscos e canteiras e incluso en tobos no chan. A femia pon de dous a cinco ovos que incuba durante 25-30 días.

A súa alimentación é moi variada e consiste en gran variedade de insectos, roedores, réptiles e outros pequenos paxaros, polo que ten unha importante función de control de poboacións. Procura estos alimentos activamente no chan ou dende pousadoiros, especialmente ao atardecer e ao amencer. Produce egagrópilas alargadas cun extremo puntiagudo, cunhas dimensións de 1’5-4cm x 1-1’5cm.

Distribución

Pódese atopar por case toda Europa, agás nas zonas máis ao norte, Irlanda e Islandia. En España, está presente na totalidade do territorio aínda que evita os grandes sistemas montañosos. Na Reserva da Biosfera foi citado recentemente nos concellos de Abegondo, Arteixo, Betanzos e Paderne.

Distribución Athene noctua

Fonte: Blas, J. y Muñóz, A.R. 2003. Mochuelo europeo, Athene noctua. En, R. Martí y J.C. Del Moral (Eds): Atlas de las Aves Reproductoras de España, pp. 318-319. Dirección General de Conservación de la Naturaleza-Sociedad Española de Ornitología. Madrid.

Hábitat

Ocupa unha gran variedade de ambientes semiabertos con preferencia por paisaxes agrícolas, aínda que pode adaptarse a diferentes tipos de hábitat.

Ameazas

Desde hai anos, constásase unha perda importante de exemplares. O uso de pesticidas e insecticidas, os cambios nos usos do solo e a intensificación da agricultura supoñen as maiores ameazas para estas rapinas. Ademáis, a perda de zonas propicias para a nidificación, os atropelos, os invernos severos, o roubo de polos e a destrución de niños contribúen á regresión desta especie.

O moucho atópase incluído na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (R.D. 139/2011, de 4 de febreiro) e catalogado como especie de “Preocupación menor” (LC) na Listaxe vermella da IUCN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza).

O mantemento do mosaico rural tradicional en Galicia é vital para a conservación desta especie,  beneficiosa para os agricultores polo seu consumo de grandes insectos e pequenos mamíferos. Unha medida sinxela e positiva para a conservación do moucho é a instalación de caixas niño medianas, de madeira, adaptadas ás características da especie.

Caixa niño
Caixa niño
Tríptico Athene noctua (PDF)

Tríptico en formato PDF

Podes descargar aquí o tríptico elaborado polo Grupo Naturalista Hábitat para a especie do ano 2018 na Reserva de Biosfera MCeTM

Tríptico Athene noctua (PDF)

Fotografías

© Santiago Vázquez, Manuel Cernadas, Daniel Monteagudo

  • Moucho (Athene noctua)