Chioglossa

Chioglossa é un medio de expresión científica aberto a naturalistas e investigadores, tanto profesionais como afeccionados serios, interesados na flora e fauna da Península Ibérica en xeral, preferentemente en temas relativos á Rexión Eurosiberiana, e, particularmente, na que vive no noroeste ibérico.
Chioglossa publica traballos orixinais que fagan referencia a aspectos dos ámbitos da ecoloxía, bioxeografía e conservación. Os traballos distribuiranse en catro seccións: Xeral (incluíndo Artigos e Notas Breves), Inventarios, Espazos Naturais e Comentarios. Os idiomas de publicación son o galego, castelán, portugués e inglés. A redacción e forma de envío dos traballos detállase na sección Normas de Publicación.
Dende a presente páxina web preténdese aumentar a difusión de Chioglossa facendo que sexa posible consultar os artigos publicados, de forma gratuíta e indefinida, dende calquera punto con acceso a internet, facilitando así a expansión dos coñecementos publicados para beneficio mutuo dos autores e da comunidade interesada no estudo da natureza.
Normas de Publicación

A continuación están dispoñibles para a súa descarga as normas de publicación de Chioglossa. Pregamos a lectura atenta de ditas normas e o seu estrito seguimento á hora de redactar os traballos e de envialos ao equipo editorial. O incumprimento de ditas normas motivará a devolución do manuscrito ao autor para a súa corrección ou o seu rexeitamento definitivo.
Para a consulta de dúbidas específicas, non suficientemente esclarecidas no texto das normas, pódese empregar a dirección: chioglossa@gnhabitat.org especificando no asunto: Consulta Normas Chioglossa.