Importancia dos brións nos hábitats e bosques de Europa
Os brións desempeñan un papel fundamental nos ecosistemas dos bosques europeos. Estes pequenos pero esenciais organismos axudan a regular o ciclo da auga, ao reter a humidade no chan e reducir a erosión. Ademais, os brións contribúen á formación de solo fértil ao descompoñer a materia orgánica e facilitar a absorción de nutrientes.
Nos bosques, os brións tamén proporcionan refuxio e alimento a numerosas especies de invertebrados, creando microhábitats cruciais para a biodiversidade. Son especialmente importantes nos hábitats húmidos, onde a súa capacidade para absorber auga axuda a mitigar o impacto das secas e protexe ás plantas novas.
Con todo, o cambio climático e a deforestación ameazan a supervivencia dos musgos, o que podería ter consecuencias negativas para a saúde dos bosques en toda Europa. A conservación destes organismos é vital para manter a estabilidade ecolóxica e require tanto a protección dos hábitats naturais como a restauración de áreas degradadas.
Schistostega pennata, musgo luminoso
Entre os nosos musgos temos un moi especial, un con luz propia. O musgo protagonista é coñecido como “musgo luminoso”, Schistostega pennata, polo seu impresionante brillo verde esmeralda, que se produce grazas ao seu protonema, unha estrutura de filamentos. En varias partes de Europa, recibe o nome popular de “ouro dos trasnos”, xa que tende a colonizar as paredes e chans de covas e minas, os seus hábitats naturais. Esta capacidade de colonización está fortemente condicionada por certos factores ambientais, como a falta de luz directa, a dispoñibilidade de humidade, a suavidade das superficies e a composición química do substrato, que debe ser rica en minerais que favorezan o seu crecemento.
Aínda que se pode atopar en varios continentes, este musgo é unha especie vulnerable e presenta unha poboación dispersa debido á súa baixa capacidade para competir con outras especies de musgos que, en condicións de hábitat compartido, tenden a dominar o espazo. Foi descrito por primeira vez en Inglaterra en 1785 polo botánico James Dickson, quen documentou as características únicas deste musgo.
Un dos elementos máis intrigantes do musgo luminoso é o seu protonema, unha agrupación de filamentos microscópicos que se orixinan da xerminación das esporas e que conforman o corpo inicial da planta. Estes filamentos teñen a peculiaridade de conter grandes vacúolos celulares, que funcionan como lentes naturais. Grazas a estes vacúolos, a luz que penetra por un lateral das células é redirixida cara aos cloroplastos, onde se reflicte e sae pola cara oposta do vacúolo, creando o efecto brillante tan característico e o ton verde esmeralda. Este fenómeno non está relacionado coa luminiscencia, fosforescencia ou biofotoxénese, que se deben a reaccións de oxidación lenta en bacterias luminiscentes, senón que se trata dun efecto de reflexión que axuda ao musgo a captar a escasa luz dispoñible no seu entorno sombrío para realizar a fotosíntese de forma eficiente. Este proceso é comparable ao brillo dos ollos dos animais nocturnos cando son iluminados, variando entre tons de verde e amarelo esmeralda en función da incidencia da luz.
Cando o musgo alcanza a etapa de gametófito, adopta a forma dunha pequena pluma verde e semitranslúcida, adaptada para captar a luz e a humidade nas zonas máis escuras e húmidas dos bosques e covas, onde crea un microhábitat moi específico.
En áreas onde este musgo recibe luz en cantidades suficientes, a súa capacidade de reflexo lumínico diminúe ou desaparece, xa que non necesita que os vacúolos actúen como espellos para captar a escasa luz do ambiente. Cando o iluminamos cunha lanterna, a luz non se reflicte se carece destas estruturas, o que explica que o fenómeno lumínico se restrinxa só a condicións de baixa luz natural.
En canto á dispersión das súas esporas, Schistostega pennata adopta unha estratexia distinta á doutros musgos que dependen do vento. Ao habitar en contornas húmidas e sombrizas, as súas esporas son máis pesadas e están recubertas por unha substancia pegañenta, o que lles permite adherirse facilmente a calquera organismo que pase sobre elas. Así, pequenos ácaros, arañas, insectos, aves paseriformes como o carrizo ou mesmo micromamíferos como as musarañas, actúan como axentes de dispersión, transportando as esporas a novas zonas propicias para o seu crecemento.
Distribución
Considérase unha especie rara noutras partes do mundo, especialmente debido á súa distribución fragmentada e ás súas esixentes condicións de hábitat. En Galicia, as poboacións de Schistostega pennata tamén aparecen de forma dispersa e en lugares específicos. Esta especie está a ser obxecto de estudo, xa que aínda quedan moitas zonas por investigar e novas poboacións por detectar. A primeira referencia da súa presenza en España remóntase a 1921, no Incio (Lugo), onde foi localizada nunha mina de extracción de mineral de ferro, posiblemente explotada dende a época romana.
Na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, parece estar presente en puntos moi localizados, como no Monte Xalo e na cunca do río Barcés. Con todo, estas poboacións precisan dunha investigación máis profunda que permita avaliar a súa situación e establecer medidas específicas de protección que aseguren a súa conservación nun hábitat tan particular e vulnerable.

Hábitat
Schistostega pennata é un pequeno musgo esciófilo, especializado en colonizar zonas húmidas e con moi pouca luz, como covas, minas e outros espazos subterráneos. A súa preferencia por ambientes con pH ácido (ao redor de 5,7) indica que se trata dunha especie calcífuga e acidófila, adaptada a solos pobres en calcio e ricos en materia orgánica. En condicións que cumpran estes requisitos de acidez, sombra e humidade, este raro musgo pode desenvolverse e establecerse con relativa facilidade.
Os espazos máis comúns onde atopamos o musgo luminoso son as covas e as escavacións humanas ou naturais, así como recunchos protexidos e algo illados, que poden incluír mesmo os niños de certos animais que habitan en zonas sombrías. Adoita mostrar unha certa preferencia polas rochas areniscas, nas que se afinca en condicións de sombra constante e elevada humidade, creando tapices de gran valor ecolóxico e estético nos hábitats que ocupa.
Ameazas
O musgo luminoso, Schistostega pennata, está recoñecido como Vulnerable no Libro Vermello dos Briófitos Ameazados de España e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. A súa fraxilidade débese a factores tanto ambientais como antrópicos, que comprometen gravemente a conservación desta especie nos seus hábitats naturais.
Unha das ameazas principais é a destrución das orlas arbóreas que bordean as covas e minas onde habita. A perda da cobertura vexetal provoca un incremento da luminosidade, altera o efecto regulador climático que ofrece o bosque e reduce drasticamente a humidade ambiental e do solo. Este tipo de modificacións compromete o microclima necesario para a supervivencia deste musgo, deixando as covas e recunchos onde medra expostos á desestabilización.
Tamén a instalación de infraestruturas é un risco directo, xa que poden provocar o colapso ou afundimento das covas que acollen as poboacións de Schistostega pennata. Ademais, a expansión urbanística nas proximidades dos seus hábitats naturais ten un impacto negativo, xa que non só reduce a humidade ambiental, senón que aumenta o pH do solo, condición desfavorable para este musgo acidófilo.
Outro factor importante é a erosión, que degrada de forma significativa as cavidades e escavacións onde se refuxia a especie. Así mesmo, o taponamento de antigas minas e covas onde medra limita o seu espazo vital e, en moitos casos, impide que a especie se estableza de novo en lugares adecuados.
O uso recreativo destas covas e minas abandonadas representa tamén unha ameaza, xa que a actividade humana no interior destas cavidades altera o seu delicado equilibrio ambiental e pode destruír as colonias existentes.
En conxunto, o futuro de Schistostega pennata en Galicia é incerto, xa que os seus hábitats están suxeitos a alteracións constantes, a maioría delas debidas á intervención humana. A súa vulnerabilidade está intimamente ligada á acción antrópica, e é por isto que a protección dos espazos onde medra é esencial para garantir a súa preservación a longo prazo.
Tríptico en formato PDF
Podes descargar aquí o tríptico elaborado polo Grupo Naturalista Hábitat para a especie do ano 2023 na Reserva de Biosfera MCeTM
Xornada sobre os musgos




