Trípticos, pósteres e guías para coñecer mellor os nosos ecosistemas costeiros e contribuír á súa conservación.
GN Hábitat pon á disposición de todas as persoas interesadas unha serie de materiais divulgativos sobre o litoral, a biodiversidade mariña e as boas prácticas ambientais, elaborados no marco do proxecto Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025.
Estes recursos están pensados para achegar o coñecemento do medio mariño á cidadanía, facilitar a identificación de especies e promover actitudes responsables no uso e coidado das nosas costas. Os materiais están dispoñibles en formato dixital, para a súa consulta e descarga, e tamén en formato impreso.
BOAS PRÁCTICAS AMBIENTAIS
Limpeza de praias: coidar o litoral depende de nós
O tríptico «Limpeza de praias. Coidar o litoral depende de nós» aborda o problema do lixo mariño, unha das principais ameazas ambientais para as nosas costas e océanos. Moitos destes residuos teñen a súa orixe en terra e chegan ao mar a través dos ríos, os sumidoiros e o vento, acumulándose nas praias e afectando á paisaxe, aos ecosistemas e á fauna mariña.
O material ofrece información para comprender esta problemática e realizar limpezas responsables, respectando os elementos naturais da praia. Porque unha praia limpa non é unha praia sen algas, senón un espazo libre de lixo no que a natureza debe conservar o seu lugar.
Materiais divulgativos sobre biodiversidade mariña
Coñecer as especies que habitan nas nosas costas é fundamental para comprender o funcionamento dos ecosistemas mariños e valorar a súa conservación. Por iso, elaboráronse diferentes recursos para facilitar a identificación de organismos e achegar ao público a diversidade de vida presente no litoral.
O noso intermareal
A zona intermareal, situada entre os límites da marea alta e da marea baixa, é un espazo cheo de vida que permanece cuberto polo mar durante parte do día e queda ao descuberto cando baixa a marea.
Para explorar esta diversidade, publicamos dous trípticos dedicados a diferentes grupos de organismos:
Flora do intermareal
Un recurso para descubrir 19 especies de algas e outros organismos vexetais presentes no litoral, desde algas verdes, pardas e vermellas ata liques e plantas herbáceas.
Fauna de invertebrados do intermareal
Unha selección de 21 especies de diferentes grupos, como esponxas, briozoos, cnidarios, vermes, moluscos, crustáceos, equinodermos e ascidias, que podemos observar nas pozas de marea.
Ambos os materiais axudan a recoñecer a biodiversidade que agocha esta contorna e a comprender a importancia da súa conservación.
Nudibranquios do Golfo Ártabro
Os nudibranquios son moluscos gasterópodos mariños sen cuncha, coñecidos popularmente como lesmas de mar. Destacan polas súas formas e cores rechamantes, así como polos seus vistosos apéndices e estruturas respiratorias.
Para dar a coñecer este fascinante grupo de animais, elaboráronse dous materiais específicos sobre as especies presentes no Golfo Ártabro:
Póster «Nudibranquios do Golfo Ártabro»
Recolle 24 especies que habitan na zona intermareal desta área costeira.
Tríptico «Nudibranquios do Golfo Ártabro»
Presenta unha selección de 21 especies e ofrece información para facilitar o seu recoñecemento.
Estes recursos permiten achegarse á diversidade dos nudibranquios e descubrir unha parte menos coñecida da biodiversidade mariña galega.
Sobre o proxecto
Estes materiais foron elaborados no marco do proxecto «Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025», co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá.
Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA), e da Xunta de Galicia.

Leave A Comment