CALENDARIO DE ACTIVIDADES 2019

  • 1ª xornada: mércores 9 de outubro, de 10 a 14h. – Actividade realizada
    • PARTICIPA: CEIP Plurilingüe San Pedro de Visma
  • 2ª xornada: sábado 12 de outubro, de 10 a 14h. – Actividade realizada

Para participar nas diferentes xornadas, inscríbete a través do seguinte formulario (prazas limitadas):

Acceso ao formulario de inscrición

 

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Anímate e ven connosco!


O PROGRAMA DE VOLUNTARIADO AMBIENTAL

O Grupo Naturalista Hábitat ven de asinar un novo convenio específico de colaboración co Concello de Coruña, co obxectivo de continuar coas tarefas de recuperación de zonas degradadas na contorna da Torre de Hércules-Punta Herminia, iniciadas no pasado ano 2018. Así, e a través da posta en marcha de xornadas de voluntariado ambiental, continuaremos cos esforzos dirixidos ao control do Carpobrotus edulis (ou “herba do coitelo”), especie vexetal incluída no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras* e referida no libro Plantas Invasoras de Galicia**, que leva anos avanzando, comprometendo e restrinxindo a diversidade biolóxica neste espazo natural.

No ano 2018, e grazas á axuda de 226 voluntarios nas 11 actividades que se levaron a cabo, acadamos a retirada dun total de 122,5 m3 desta especie invasora. Entre todos fixemos un gran esforzo reducindo a súa presenza en varias localizacións do Cemiterio Moro, Punta Herminia e Torre de Hércules. Así e todo, na contorna da Torre (que camiña cara a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local) queda aínda moito traballo por facer, polo que compre continuar coas tarefas.

A campaña 2019 comprenderá novamente a realización de varias xornadas de voluntariado, preferentemente en horario de mañá, cunha duración de 4 horas cada unha delas, levando a cabo labores de retirada manual desta especie exótica invasora. As actividades serán de balde e abertas ao público, mais as prazas serán limitadas en cada xornada, sendo precisa a inscrición previa para a participación a través dos formularios online que sexan habilitados na nosa web segundo o avance do programa. Todos aqueles participantes contarán cun seguro de Accidentes e Responsabilidade Civil durante o desenvolvemento das actividades, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da/s actividade/s. Así mesmo, a organización poñerá a disposición os recursos necesarios para poder desenvolver axeitadamente os traballos, ao tempo que xestionará o relativo ao amoreamento, transporte e eliminación correcta dos restos retirados, a través dun xestor autorizado.

——————-
*Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras.

** Fagúndez, J. & Barrada, M. (2007). Plantas invasoras de Galicia. Bioloxía, distribución e métodos de control. ​Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible​. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela, 209 pp.