Nace o Proxecto Noucho
Antecedentes

A idea do proxecto Noucho comeza a xestarse durante o ano 2010 e cumpre a súa primeira etapa a inicios do 2011, coincidindo coa elección do moucho (Athene noctua) como especie do ano por parte da Sociedade Galega de Ornitoloxía, a Sociedad Española de Ornitología e o propio Grupo Naturalista Hábitat. O traballo realizado dende Hábitat na recollida de citas durante todo este ano, pon de manifesto o declive, precariedade e problemas de conservación desta especie non só na provincia da Coruña, senón en toda Galicia. Ademais decatámonos de que non só temos falla de información sobre o moucho, senón que é un problema que se estende a todas as especies de rapinas nocturnas de Galicia, pois existe na actualidade unha grande escaseza e dispersión de citas e traballos que recollan dita información.
Todas estas circunstancias previas alimentaron o noso proxecto Noucho, idea que reafirmaba as inquedanzas de moitos de “nós” respecto aos nosos benqueridos mouchos, bufos, avelaionas e curuxas.
Dende ese ano 2010 e ata a actualidade o noso poliño de Noucho foi medrando e botando as súas primeiras plumas desde o inicial penuxe, necesarias para poder emprender o voo e abandonar o seu niño nas mentes e cadernos de campo dos socios e colaboradores do Grupo Naturalista Hábitat .
Os motivos que xustifican que o proxecto Noucho bote a voar son:
Desenvolvemento do proxecto
Constará de tres fases:
A primeira fase dará a coñecer o proxecto entre ornitólogos, naturalistas e afeccionados á natureza en xeral para procurar a recollida de datos históricos e actuais da presenza e bioloxía destas especies. Esta fase levarase á práctica coa elaboración de fichas sinxelas para a recollida de datos de campo, e que servirán para a confección de mapas de distribución que periodicamente serán actualizados por especie e enviados aos colaboradores do proxecto. Ditos mapas servirán para reflectir a presenza e distribución destas especies, e serán o punto de partida para a creación de modelos de protección e a proposta de medidas de conservación a medio e longo prazo. Os interesados deberán darse de alta no formulario correspondente como colaboradores e terán dereito á recepción das actualizacións periódicas do estado do proxecto, así como acceso ás actividades que se vaian facendo ao redor do mesmo.
A segunda fase enfocarase cara á posta en valor das especies nocturnas e a divulgación entre a poboación en xeral e dende o respecto á natureza.
Achegar a nenos e maiores, institucións públicas e privadas, gandeiros e agricultores, etc a importancia do coñecemento e conservación destas especies tan beneficiosas para nós, a pesar da súa mala fama dende tempos inmemoriais.
O noso “Noucho” é, en definitiva, un proxecto creado por naturalistas e estudosos das aves, entusiastas das rapinas nocturnas, que, utilizando coma base o estudo e a compilación de información, ten como obxectivo mellorar o estado de conservación destas especies, traballando na divulgación e coñecemento da nosa contorna, para a posta en valor das nosas rapinas nocturnas ante institucións e público xeral.
A voar, “Noucho”!
Contacto cos responsables do proxecto
Colabora








