Hábitat Protexe

Neste ano 2019, o Grupo Naturalista Hábitat celebra os 40 anos do seu nacemento, aló no 1979. Son moitas persoas as que ó longo dos anos foron cumprindo os fins da asociación e os soños que axudaron a formar esta gran familia. Facendo honor a estes soños queremos comezar  unha serie de actividades orientadas a recadar fondos que serán destinados ás entidades galegas que traballan arreo pola custodia do noso Patrimonio Natural.

Estas entidades empregan a custodia do territorio para conservar e protexer certos espazos con determinados valores ambientais, xa sexa coa súa compra ou doazón ou con acordos cos donos, os cales se comprometen a xestionar os seus terreos dunha maneira adecuada, grazas ao asesoramento por parte destas entidades que leve ao correcto mantemento das condicións naturais do espazo. As fincas en custodia reciben un coidado periódico e o apoio de voluntarios en determinadas actuacións e traballos, que levan á recuperación, conservación e protección destes espazos por parte da sociedade. A custodia do territorio reflexase na Ley 42/2007, de 13 de diciembre, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad para o fomento do coñecemento, a conservación e a restauración do Patrimonio Natural e a biodiversidade

Noutros países levan anos empregando a custodia do territorio como a mellor ferramenta de protección e conservación da natureza. Por este motivo, o Grupo Naturalista Hábitat colabora activamente con entidades de custodia do territorio e aporta economicamente todos os anos unha cantidade en representación dos nosos socios a entidades, tales como Fundación Fragas do Mandeo ou Betula, Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico.

Nesta serie de xornadas acompañaredes a un experto na súa materia (entomoloxía, ornitoloxía, botánica, etc) nunha saída ao campo ou nunha charla, que vos farán desfrutar da natureza e ao mesmo tempo, gracias á pequena achega económica doada pola vosa asistencia, colaborar na conservación e protección do Patrimonio Natural galego.

Importes nestas actividades

De balde (as cotas de socio do G.N.Hábitat xa aportan anualmente a entidades de custodia).

Informarase no anuncio de cada actividade.

O importe recadado destinarase INTEGRAMENTE a algunha das entidades que se encargan de custodia do territorio en Galicia.

Contamos con vós para poñer en marcha esta nova iniciativa que axudará ás entidades de custodia a protexer o noso. Xuntos podemos logralo!!