Vacaloura2017-05-19T09:01:43+00:00

©Daniel Monteagudo, Cosme Damián Romay

Lucanus cervus, Vacaloura

Lucanus cervus (Linnaeus 1758), en galego vacaloura, escornabois ou aforcapitos, é a especie de escaravello máis grande de Europa. Dá nome á súa familia de coleópteros, Lucanidae, que inclúe unhas 1000 especies en todo o mundo, pero só 17 en Europa e 9 na Península Ibérica.

Para afondar no coñecemento da abundancia e distribución da vacaloura, iniciamos una campaña de recollida de citas, tanto históricas como actuais

Para facilitar o tratamento de datos, poñemos á vosa disposición unha ficha de recollida de datos de avistamentos, en versión online e PDF.

Formulario online
   
   Ficha PDF    

Morfoloxía

Os machos miden de 30 a 90 mm de lonxitude, e as femias oscilan entre 28 e 54 mm. Presentan dimorfismo sexual, especialmente na cabeza: nos machos esta é máis grande, e ten unhas prominentes mandíbulas, semellantes a pinzas, que empregan para loitar e defender o seu territorio. O seu tamaño é proporcional ao resto do corpo. As femias teñen mandíbulas curtas, pero fortes.

Lucanus cervus, pupa

Pupa (© Jorge Ramos)

Lucanus cervus, macho

Macho (© Dani Monteagudo)

Lucanus cervus, femia

Femia (© Ignacio Delgado)

Costumes e dieta

Aínda que poden verse de día, a meirande parte da súa actividade e maior ao solpor e á noite.

Como ocorre en moitos escaravellos, os adultos non son moi lonxevos: viven entre quince días e un mes. Pódense observar de xuño a setembro, tendo seu pico de actividade en xullo.

A posta realízase en troncos en descomposición, e os ovos eclosionan tras dúas a catro semanas. As larvas aliméntanse desa madeira podre, é dicir, son saproxilófagas. Debido á escasa calidade nutricional do alimento, o desenvolvemento larvario é lento, e dura entre un e cinco anos. Entón, a larva inverna no tronco ou na terra, e convértese en pupa. Os adultos aliméntanse de zumes de froitas maduras e zume das árbores.

Distribución

Distribución do Lucanus cervus en Galicia (SGHN)

Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)

Está presente no centro, sur e occidente de Europa. En España, atópase fundamentalmente na metade norte, vencellado as fragas e bosques caducifolios.

A pesares de ser unha especie protexida polo convenio de Berna e outras leis, descoñécense moitos aspectos da súa bioloxía. Para mellorar isto, foi lanzado o Proyecto Ciervo Volante, que derivou no Grupo de Trabajo de Lucánidos Ibéricos, que recolle datos na web http://entomologia.rediris.es/gtli.

Distribución do Lucanus cervus na Península Ibérica (SEA)

Grupo de Trabajo sobre Lucánidos Ibéricos (GTLI), Sociedad Entomológica Aragonesa (SEA)

Hábitat

Aínda que tradicionalmente se ten vencellado a fragas e carballeiras non parece depender delas de maneira estrita, xa que aparece tamén en bosques mixtos e mesmo asociado a piñeiros.

De todos xeitos, semella necesaria a presenza de carballos, aínda que dispersos, para que a especie estea presente. Nas áreas onde os bosques son escasos e vense reducidos (Reino Unido, Holanda), tende a desaparecer. É esencial a presenza de madeiros vellos e árbores caídas, nos que desenvolve boa parte do seu ciclo vital.

Ameazas

A desaparición e regresión das fragas e carballeiras leva consigo a redución das poboacións de vacaloura. Tamén un manexo excesivo das masas forestais con fins de limpeza, retirando madeiros ou pólas caídas e mortas, pon en perigo a esta especie e a outras xilófagas ligadas aos bosques caducifolios maduros europeos.

Está protexida por varios convenios internacionais, como o Apéndice III do Convenio de Berna e Anexo II da Directiva 92/43/CEE (Directiva Hábitats). Actualmente en España considérase de preocupación menor, pois grazas a recentes estudos incrementouse o número de citas e de cuadrículas nas que a especie está presente. Isto pon de manifesto o escaso coñecemento desta especie, a pesares de ser doada de recoñecer e abundante.

Na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, ao igual que noutras partes da Galicia atlántica, está a padecer os efectos dunha crecente eucaliptización.

Tríptico Vacaloura (PDF)

Tríptico en formato PDF

Podes descargar aquí o tríptico elaborado polo Grupo Naturalista Hábitat para a especie do ano 2016 na Reserva de Biosfera MCeTM
Tríptico Vacaloura (PDF)

Fotografías

© Daniel Monteagudo, Ignacio Delgado, Cosme Damián Romay, Jorge Ramos, Juanda Presa

  • Lucanus cervus macho (Dani Monteagudo)
  • Lucanus cervus femia
  • Lucanus cervus macho
  • Lucanus cervus femia (Ignacio Delgado)
  • Lucanus cervus macho
  • Lucanus cervus femia
  • Lucanus cervus macho
  • Lucanus cervus femia
  • Lucanus cervus pupa (Jorge Ramos)
  • Lucanus cervus macho
  • Lucanus cervus macho

Textos: Jorge Ramos Abuín

Fotografías: Daniel Monteagudo, Ignacio Delgado, Cosme Damián Romay, Jorge Ramos Abuín, Juanda Presa

Revisión e maquetación do tríptico: Atocha Ramos, Manuel Cernadas