Salamandra salamandra, Píntega

A salamandra, píntega, pezoia, pezoña ou sapagueira, é un dos anfibios máis vencellados ás nosas raíces culturais. Dende o seu poder mitolóxico de sair do lume (lenda xurdida, probablemente, de animais agochados en troncos que se botaban á lareira), ata a estampa dunha noite de choiva coa lanterna na man, os ollos percorrendo o chan dunha corredoira para evitar tropezar coas pedras no camiño de volta a casa, e albiscando ducias de píntegas que saen buscar parella, coa crenza de que respirar o seu “aire” pode levarnos á morte, e tocalas equivale a perder a man. Hoxe sabemos que o aire e a pezoña da píntega son secrecións defensivas que, unidas ao seu rechamante deseño negro e amarelo, buscan quedar na memoria dos posibles predadores coma lembranza dun bocado pouco apetecible. De feito, a súa “perigosidade” limítase ás miñocas e outros pequenos animais dos que se alimenta.
A píntega é un anfibio peculiar, moito máis terrestre que acuático. Tanto é así que realiza os apareamentos en terra, durante as noites de outono, cando a femia recolle -se o acepta- o espermatóforo no que o macho gardou a súa información xenética. A fase de ovo tampouco transcorre na auga, e nalgunhas poboacións extraordinarias (das que en Galicia temos alomenos dúas) nin sequera as larvas son acuáticas, desenvolvéndose dentro da nai ata que completan a metamorfose. No resto de poboacións as femias, no inverno, liberan entre 30 e 40 larvas en charcas e regatos ben osixenados, nos que permanecerán predando sobre pequenos invertebrados ata metamorfosear na primavera seguinte.
© Ricardo Ferreiro, Rafa Vázquez
Campaña de recollida de citas
No marco da denominada Ciencia Cidadá, co rexistro de citas a través deste formulario online poderás axudar a ampliar o coñecemento sobre o impacto da rede viaria na Píntega (Salamandra salamandra) en Galicia en xeral, e no territorio da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo en particular. A información aportada será de utilidade para establecer os puntos negros de atropelos desta especie nas estradas galegas, servindo de base para posibles propostas de mitigación.
Distribución
A salamandra común presenta unha ampla distribución a nivel global. De oeste a leste chega dende Finisterre ata Irán, namentres de norte a sur abrangue dende as rexións máis setentrionais de Alemania ata Marrocos. Na Península Ibérica a súa distribución é practicamente continua nas franxas cantábrica e atlántica, con presenza tamén en zonas montañosas do interior. Pola contra, atópase ausente -ou é moi escasa- nas zonas baixas mediterráneas.
Ao longo do seu amplo territorio atopamos salamandras moi diferentes. Como resultado, existen hoxe día numerosas subespecies, descritas en principio en base a diferenzas anatómicas e de coloración. O avance do coñecemento científico permitiu establecer as relacións e a historia evolutiva destas variantes, elevándoas nalgúns casos á categoría de especie.
En Galicia contamos cunha variabilidade considerable. Entre elas as robustas e avermelladas S.s.gallaica, cun deseño “manchado”, no centro e sur da rexión. E as máis esveltas S.s.bernardezi, no norte, con dúas vistosas franxas amarelas percorrendo o negro dorso do animal.
Hábitat
Como non podería ser doutro xeito, este animal tan ligado á nosa memoria cultural atopa o seu hábitat ideal nas fragas e soutos ben conservados. Así e todo, ocupa tamén outros medios, tales como cultivos ou áreas de matogueira e turbeiras.
Na maioría das súas poboacións precisa da existencia de cursos de auga lentos, ou de charcas nas que as femias podan deixar ás súas crías acuáticas.
Ameazas
A diminución dos principais hábitats ocupados por esta especie (eliminación de fragas por eucaliptización, ou desaparición de prados e cultivos polo abandono das tarefas agrícolas e gandeiras tradicionais), unido á alteración ou redución das súas zonas de reprodución (a causa da canalización de cursos de auga, recheos de charcas, destrución de turbeiras, entre outras), cóntanse entre as pricipais ameazas para a píntega. Os atropelos na rede viaria e a presenza de especies exóticas invasoras poden ser factores que afecten tamén negativamente na conservación das súas poboacións.
Tríptico en formato PDF
Podes descargar aquí o tríptico elaborado polo Grupo Naturalista Hábitat para a especie do ano 2021 na Reserva de Biosfera MCeTM




















