A contorna do Areal de Alba, en Sabón (Arteixo), alberga un importante patrimonio natural, pero tamén está sometida á presenza de diversas especies exóticas invasoras que ocupan o espazo e desprazan a vexetación autóctona. Por este motivo, durante os últimos meses estamos a desenvolver diferentes actuacións de control neste enclave, contribuíndo pouco a pouco á recuperación do hábitat dunar.
Nesta ocasión volveremos poñernos mans á obra para continuar coa retirada manual da uña de gato (Carpobrotus sp.) que forma densas alfombras e pode desprazar as plantas propias das dunas. Aproveitaremos tamén para retirar unha pequena mata de Helichrysum petiolare, tamén unha especie exótica invasora capaz de ocupar rapidamente novos espazos e competir coa flora local.
Esta nova xornada de voluntariado de retirada de invasoras terá lugar o sábado, 5 de setembro de 2026, ás 10:30 h. A participación é de balde e aberta a todos os públicos, previa reserva de praza (inscrición) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G. N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Todos os participantes que sexan confirmados vía e-mail recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade, e contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.
Esta actividade forma parte do proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMPA), e pola Xunta de Galicia.
Dúbidas e comentarios en mares@gnhabitat.org│981 135 014
Entre tod@s, melloraremos o planeta!

Leave A Comment