O cambio climático é un dos maiores desafíos ambientais do noso tempo, con consecuencias cada vez máis evidentes sobre os ecosistemas e a biodiversidade. O aumento das temperaturas, a alteración dos réximes de precipitacións, a maior frecuencia de fenómenos meteorolóxicos extremos e o quecemento dos océanos están a transformar os hábitats e a poñer en risco numerosas especies. En Galicia, estes cambios tamén teñen repercusións sobre o noso patrimonio natural, desde os bosques e as zonas húmidas ata os ríos e os ecosistemas costeiros, cuxo equilibrio resulta fundamental para manter a biodiversidade e garantir o funcionamento dos procesos naturais dos que dependemos.

Con motivo do Día Internacional contra o Cambio Climático, desde o Grupo Naturalista Hábitat queremos lembrar que protexer a natureza tamén implica afrontar as causas e as consecuencias desta crise global. A conservación dos ecosistemas e a loita contra o cambio climático son retos inseparables que requiren compromiso colectivo, decisións baseadas no coñecemento científico e actuacións urxentes e sostidas no tempo. Por iso, presentamos o noso Manifesto sobre o Cambio Climático, co que queremos contribuír á sensibilización social e reivindicar a importancia de actuar con responsabilidade para preservar o patrimonio natural e garantir un futuro máis sostible para as vindeiras xeracións.