Escola de Naturalistas
A Escola de Naturalistas é unha actividade realizada polo Grupo Naturalista Hábitat dende o ano 2009, única no ámbito da formación ambiental en Galicia, que consiste en aprender a escoitar, ver e identificar os elementos que compoñen a biodiversidade galega.
A través de diversas actividades tratamos de afondar, de xeito teórico-práctico, no estudo das diferentes áreas do naturalismo (botánica, zooloxía, etc.). Cada unha das actividades está dedicada a un tema, primeiro cunha charla teórica que se imparte no noso local (rúa Camariñas nº8 baixo, na Coruña) e logo cunha saída de campo centrada na contorna do espazo natural protexido do encoro de Abegondo-Cecebre, área dunha notable diversidade biolóxica que motivou a súa declaración como LIC, Lugar de Interese Comunitaria ES1110004 (hoxe día ZEC, Zona Especial de Conservación) na Red Natura 2000, e incluído como zona núcleo da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, debendo ser o obxectivo principal nesta área a súa conservación.
Os participantes na Escola de Naturalistas adquirirán a condición de membros do Grupo Naturalista Hábitat durante un ano, tendo dereito a participar de forma gratuíta en todas as demais actividades organizadas polo grupo, así como a recibir o material editado neste período. Unha vez rematado o curso entregarase un certificado acreditativo de participación co número de horas teórico-prácticas recibidas.
¡Se tes curiosidade pola natureza e ganas de aprender un pouco máis sobre ela, esta é a túa oportunidade!
Se estás interesado en formar parte da próxima promoción da Escola de Naturalistas, segue de preto as nosas noticias ou contacta connosco.
Temario habitual da Escola de Naturalistas
Cada charla e actividade de campo terá unha duración aproximada de 2 e 4 horas, respectivamente. Así, o curso terá unhas 20 horas teóricas e 44 horas prácticas.
Os formadores participantes nestas actividades son naturalistas de ampla experiencia en cada unha das diferentes áreas tratadas no curso.
As datas das actividades confirmaranse a medida que avance o ano, pero as charlas serán preferiblemente os xoves ou venres a partir das 20:30 h cunha duración aproximada de 2 horas, e as saídas de campo terán lugar en fins de semana cunha duración de 3-4 horas.
O temario e datas estarán suxeitas a modificacións en función da dispoñibilidade dos poñentes e das condicións meteorolóxicas.

















