Margaritifera margaritifera, Mexillón de río

Margaritifera margaritifera

O mexillón ou náiade de río –Margaritifera margaritifera (Linné, 1758)- é un molusco bivalvo da familia Margaritiferidae, que pode acadar ata os 12 cm de lonxitude.

Trátase dun molusco moi lonxevo. Sabendo a lonxitude de cada exemplar pódese calcular a idade do individuo. En Galiza atopáronse individuos de ata 65 anos de idade, pero poden acadar máis de 100 anos.

A súa cuncha é alargada, fráxil e negra cara fora, mentres o interior da cuncha é branco nacarado. O umbo non sobresae da cuncha e xeralmente está moi desgastado.

Vive ancorado no substrato onde se confunde cos cantos e pedras do fondo do río e serven de refuxio para moitos invertebrados.

É bioindicador natural de augas limpas e ben osixenadas. Os xuvenís son especialmente vulnerables. A súa presenza nas poboacións é un excelente indicador da boa organización da comunidade de náiades e salmónidos, da boa calidade do ecosistema e do seu estado de conservación.

É un molusco filtrador. Aliméntase de pequenos organismos que quedan retidos nos seus sifóns co paso da auga. Os individuos duns 65 mm. de lonxitude filtran aproximadamente 1 litro de auga por hora, polo que considéranse bos biofiltradores naturais.

Distribución

Esta especie sufriu unha gran regresión, pasou de atoparse practicamente en todos os ríos europeos que verten ao Atlántico a quedar reducida a pequenas poboacións.

Grazas aos esforzos, estudos e mostraxes, sábese na actualidade que na Península Ibérica atópase en poboacións illadas na costa galega, no curso baixo do río Mandeo, no que se seguen observando xuvenís (Barros, 2014), en Asturias, e nalgúns afluentes do Douro, do Miño e do Tajo (Salamanca, Zamora e Ávila); ademais dalgunhas poboacións portuguesas, mentres que en Europa ten unha ampla distribución. Na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo cítanse nos ríos Mero, Barcés (Lois, 2010) e Mandeo (Barros, 2014) .

Distribución Margaritifera margaritifera

Margaritifera margaritifera (Linnaeus, 1758) in GBIF Secretariat (2017). GBIF Backbone Taxonomy. Checklist dataset https://doi.org/10.15468/39omei accessed via GBIF.org on 2019-04-24.

Hábitat

A náiade de río adoita vivir nos ríos de augas frías, limpas e ben osixenadas. Require de boas poboacións de troita común e salmón, hóspedes da especie, peixes clave no transporte e na metamorfose dos gloquidios, as larvas do bivalvo. Prefire ríos con bosques de ribeira ben conservados e sombrizos, de augas correntes e con fondos mesturados de crollos, areas e gravas asentadas, nas que se refuxian xuvenís e adultos.

Ameazas

Este mexillón apenas ten depredadores naturais. A principal ameaza deriva da desaparición dos salmónidos, especies clave do seu desenvolvemento, por causa da sobrepesca ou da presenza de peixes invasores. O mexillón cebra (Dreissena polymorpha), especie exótica invasora, e gran colonizador de augas doces, compite coa náiade de río polo mesmo alimento e modifica as condicións da auga tras a súa rápida proliferación.

Outras ameazas consideradas en diferentes estudos son os incendios, a proximidade de centrais hidroeléctricas, a contaminación por tratamentos agrícolas e industriais, ou o uso incontrolado de praguicidas e fertilizantes.

Con todo, é considerada coma especie “en perigo” pola IUCN: A2C (2018). En Europa está protexida polo Convenio de Berna (Anexo III) e pola Directiva Hábitats (92/43/CEE: Anexo II). En España, inclúese na categoría de “en perigo” no “Libro Rojo de Invertebrados de España”, e no Catálogo galego de especies ameazadas (Decreto 88/2007 do 19 de abril) coma especie “en perigo de extinción”.

Tríptico Margaritifera margaritifera (PDF)

Tríptico en formato PDF

Podes descargar aquí o tríptico elaborado polo Grupo Naturalista Hábitat para a especie do ano 2019 na Reserva de Biosfera MCeTM

Tríptico Margaritifera margaritifera (PDF)

Bibliografía

  • Barros, A. 2014. Estado de conservación de la náyade Margaritifera margaritifera (Linnaeus, 1758) en el curso bajo del río Mandeo (A Coruña). Iberus, 32 (1): 35-43.

  • Lois, S. 2010. New records of Corbicula fluminea (Müller, 1774) in Galicia (Northwest of the Iberian Peninsula): Mero, Sil and Deva rivers. Aquatic Invasions. 5 (1): 17-20.

  • Lois, S.; Ondina, P.; Outeiro, A.; Amaro, R. & San Miguel, E. 2014. The north-west of the Iberian Peninsula is crucial for conservation of Margaritifera margaritifera (L.) in Europe. Aquatic Conserv: Mar. Freshw. Ecosyst. 24: 35–47 (2014).