O pasado domingo 30 de xuño celebramos a VI Maratón Ornitolóxica da Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” que este ano formou parte das Xornadas sobre ornitoloxía da citada reserva . Esta actividade formativa e lúdica consistiu en identificar por equipos o maior número posible de especies de aves silvestres dentro dos municipios da Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” agás Miño e Sobrado [Territorio Leader Mariñas-Betanzos], durante un máximo de 13.5 horas.

A meteoroloxía complicou un tanto a xornada xa que tivemos unha bretema continua case toda a xornada, malia iso, os máis de 30 observadores animáronse a descubrir a riqueza ornitolóxica da nosa contorna, nun total de 8 equipos participantes. O equipo número 2, formado por Cosme Damián Romay e Andrés Pereira, non tivo rival e alzouse coa victoria cunha abraiante cifra de 88 especies avistadas e 125 puntos en total.

Equipo gañador

O equipo nº 1, cun total de 73 especies detectadas e 85 puntos, acadou o segundo posto na maratón

Segundo clasificado

Finalmente o equipo nº 6, con 62 especies detectadas e 68 puntos, quedou co terceiro posto na maratón

Terceiro clasificado

Os resultados gloabis foron estupendos, mellorando as cifras de anos anteriores con 100 especies de aves detectadas en total, a pesar de que nesta ocasión o período de observación acortouse en 5 horas respecto a pasadas edicións, rematando ás 13:30 h. Cifras que a pesares da época estival e da meteoroloxía adversa, non impediron que tanto monitores como asistentes, gozaran dunha xornada estupenda chea de bos momentos e moitas aves para a lembranza.

Este é o resumo das cifras por equipos:

Equipo Nº Especies Puntuación
Equipo 02 88 125
Equipo 01 73 85
Equipo 06 62 68
Equipo 05 49 51
Equipo 04 50 50
Equipo 03 49 50
Equipo 07 27 29
Equipo 08 22 24
Total especies 100

 

Consulta aquí a lista completa de observacións por especie e Equipo.

O equipo gañador foi obsequiado cun lote de produtos cortesía da Reserva de Biosfera (Promotora da actividade), G.N. Hábitat e SEO/BirdLife, así como cun diploma acreditativo da súa participación, que tamén recibiron os integrantes do segundo e terceiro equipo clasificado.

A nosa noraboa aos gañadores, e o noso máis sincero agradecemento a tódolos participantes polo seu esforzo, e por facer que cada ano siga a medrar a paixón polas aves da nosa contorna. Así mesmo, queremos dar as grazas ao Concello de Betanzos, que neste 2019 acolleu os actos de celebración do aniversario da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, pola súa colaboración e posta a disposición do Edificio Liceo e polas facilidades dadas para a organización destas xornadas.

Vémonos na seguinte!!