Husqvarna e Hábitat colaborarán de xeito altruísta nunha iniciativa que permitirá agasallar con caixas niño para aves aos voluntarios participantes en accións ambientais da ONG. 

Husqvarna, marca sueca de maquinaria para bosque e xardín, está fortemente comprometida na loita fronte ao cambio climático e a protección da natureza, sendo os seus produtos fiel reflexo deste compromiso, procurando a diminución do seu impacto ambiental. 

Entre a gama de recursos dispoñibles a empresa conta con modelos de caixas niño para aves, das que cederá un lote ao G.N.Hábitat, quen a modo de cadea de transmisión as fará chegar como agasallo aos voluntari@s participantes nas súas actividades ambientais, en agradecemento a súa implicación a prol do patrimonio natural. Hábitat definirá as accións e a cantidade de caixas niño que serán entregadas no transcurso do seu programa de actividades, ata rematar a totalidade do lote doado. 

Con esta iniciativa ambas organizacións pretenden fornecer alianzas en beneficio do medio ambiente en xeral e a posta en valor da ornitoloxía en particular, sensibilizando á cidadanía, procurando un achegamento ás aves e agradecendo a implicación social no coñecemento e o coidado da contorna natural.