O vindeiro 1 de outubro celébrase o Día Mundial das aves, e dende Hábitat sumámonos un ano máis a esta iniciativa realizando un roteiro ornitolóxico guiado pola contorna da Torre de Hércules, no cal da man de ornitólogos experimentados coñeceremos as aves presentes neste espazo tan emblemático da nosa cidade. Aprenderemos a identificalas grazas ás guías e instrumentos ópticos que poñeremos a disposición, e que permitirán analizar as características de cada unha delas. Daremos un agradable paseo pola contorna, onde de seguro veremos moitas e variadas especies, as cales fan da Torre de Hércules un lugar privilexiado para o seu goce, aproveitando para poñer en valor a necesidade do seu coidado e protección.

E se a meteoroloxía non acompaña… non nos votamos atrás! aproveitaremos igualmente a xornada realizando un obradoiro no noso local (mapa). Compañeiros ornitólogos introducirannos nesta fermosa disciplina cun relatorio sobre as aves, aprenderemos o uso das guías de campo ou do material óptico que empregan, ademais do recoñecemento e mostraxe de plumas, cráneos e outros rastros…

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o vindeiro domingo 1 de outubro ás 10:00h. Así e todo, para a participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:

Acceso ao formulario de inscrición

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigurosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado. Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Anímate e ven connosco!