No Grupo Naturalista Hábitat, en colaboración coa Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, levamos a cabo un proxecto de monitorización para estudar os atropelos de anfibios na Zona de Especial Conservación (ZEC) Encoro de Abegondo-Cecebre. Esta iniciativa involucra ao alumnado do Grao en Bioloxía mediante a metodoloxía de Aprendizaxe-Servizo, a través da materia de Etoloxía.

Os traballos iniciáronse en 2022 e céntranse en catro transectos que percorren diferentes zonas próximas ao encoro, que foi construído en 1975 para abastecer de auga á cidade da Coruña. Durante os muestreos, levados a cabo en noites chuviosas entre setembro e novembro, o alumnado rexistran as condicións ambientais, o número de vehículos e as especies de anfibios, indicando se os individuos están vivos ou mortos por atropelo. Este traballo permítenos identificar as especies presentes, analizar cales son as máis afectadas polos atropelos e determinar os chamados puntos negros, lugares críticos para as súas poboacións.

Este Aprendizaxe e Servizo, que tamén foi realizado en diferentes estradas do concello de Oleiros no ano 2022 por outro grupo de alumnos da mesma materia, pretende que os alumnos e alumnas aprendan a facer un traballo de campo adaptándose á fauna a estudar, a tomar os datos dunha forma estandarizada e a participar nunha iniciativa que pretende conservar as poboacións de anfibios nun espazo natural a través da nosa entidade. 

O obxectivo principal deste tipo de traballos é contribuír á conservación das poboacións de anfibios, ao tempo que se forma ao alumnado nun traballo científico con aplicación directa. Ademais, buscamos probar ferramentas que permitan estender esta iniciativa a outras zonas de Galicia, involucrando a voluntarios e voluntarias na identificación e mapeo das estradas con maior número de atropelos. Esta información é clave para promover medidas efectivas que reduzan a mortalidade de anfibios nas estradas galegas.