Este sábado, 1 de febreiro de 2025, levaremos a cabo unha nova xornada de retirada de Carpobrotus edulis na contorna da Torre de Hércules, un Espazo Natural de Interese Local (ENIL) de gran valor ambiental e patrimonial, xunto a Afundación Obra Social ABANCA. Esta actividade enmárcase dentro do programa “Traballando pola mellora do Patrimonio Natural”, no que o Grupo Naturalista Hábitat colabora dende o ano 2016.

Durante esta xornada, centrarémonos na retirada de “uña de gato”, unha especie exótica invasora que supón unha ameaza para a flora e fauna autóctonas. O Carpobrotus edulis ocupa amplas áreas de terreo, desprazando as plantas nativas e provocando un desequilibrio no ecosistema local.

Dende 2017, os voluntarios e voluntarias de Afundación Obra Social ABANCA teñen desempeñado un papel fundamental nesta tarefa ao longo dos anos. Grazas ao seu compromiso, a biodiversidade da Torre de Hércules está a recuperar, pouco a pouco, o seu equilibrio natural.

A actividade é aberta ao público de calquera idade, e terá lugar o sábado, 1 de febreiro de 2025, de 10:00 a 14:00h. Para asistir e participar, é imprescindible reservar praza mediante inscrición previa a través da web de Actúa Afundación

As prazas son limitadas, así que non perdas a oportunidade de colaborar!

Agardámoste!