CALENDARIO DE ACTIVIDADES 2020

  • 3ª Xornada: xoves 6 de agosto, de 10:30 a 13:30h 
    • Obxectivo: retirada de especies exóticas invasoras no ENIL Torre de Hércules.
    • Participa: nenos e nenas vinculados a Latento (expertos en Altas Capacidades).
  • 2ª Xornada: mércores 5 de agosto, de 10:30 a 13:30h Actividade realizada
    • ObxectivoRoteiro ambiental e retirada de especies exóticas invasoras no ENIL Torre de Hércules. A xornada estará centrada principalmente no desenvolvemento do roteiro interpretativo. Contra o final da mañá faremos unha breve retirada de especies invasoras, atendendo aos pequenos rebrotes de Carpobrotus edulis que temos detectado nalgunhas das parcelas traballadas en campañas anteriores. 
    • Participa: nenos e nenas vinculados a Latento (expertos en Altas Capacidades).
  • 1ª Xornada: luns 27 de xullo, de 10:30 a 13:30h – Actividade realizada
    • ObxectivoRoteiro ambiental pola contorna do ENIL Torre de Hércules.

Para participar nas diferentes actividades é imprescindible a inscrición previa a través do seguinte formulario:

Acceso ao formulario de inscrición

 

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Anímate e ven connosco!


O PROGRAMA “CUSTODIA DO TERRITORIO E VOLUNTARIADO”

Por terceiro ano consecutivo, a Concellería de Medio Ambiente do Concello da Coruña e o Grupo Naturalista Hábitat asinamos un acordo, co obxectivo de continuar coas tarefas de recuperación de zonas degradadas na contorna da Torre de Hércules, ás que se lle sumarán actividades dirixidas á divulgación dos seus valores naturais. 

Neste 2020, e tras máis de dous anos de moitos esforzos, as actividades a desenvolver collen especial relevancia, logo de que o pasado 13 de xaneiro o Diario Oficial de Galicia recollese a declaración provisional da Torre de Hércules como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), segundo a ORDE do 27 de decembro de 2019. Este recoñecemento, motivado a proposta do Concello da Coruña, supuxo constatar a relevante diversidade biolóxica ligada a este espazo, que tantos anos levamos poñendo en valor dende o G.N. Hábitat a través de numerosas actividades de divulgación, estudo e conservación ambiental. Mais o traballo non ten rematado, queda empurrar cara a súa declaración definitiva como ENIL, co obxectivo de que chegue a compartir título con outros espazos de gran relevancia natural na cidade, como é o caso das Illas de San Pedro.

A campaña 2018 que puxemos en marcha, centrada nas tarefas de retirada da especie exótica invasora Carpobrotus edulis, acadou unha participación de 226 voluntarios, que conseguiron eliminar un total de 122´5 m3  desta planta na contorna do actual ENIL. Todo un exemplo de traballo colaborativo a prol do patrimonio natural. Do mesmo xeito, a campaña 2019 continuou con estes traballos, conseguindo retirar un total de 114´5 m3, grazas aos esforzos dos 235 voluntarios que participaron nas diferentes actividades que se foron desenvolvendo. Moito suor, tempo e esforzos, que permitiron reducir a presenza e o impacto desta especie invasora en varias localizacións do Cemiterio Moro, Punta Herminia e Torre de Hércules…Agora, toca continuar co noso obxectivo! 

As labores de monitorización e seguimento desenvolvidas polo G.N.Hábitat, en colaboración con expertos botánicos da Universidade da Coruña, veñen demostrando unha evolución positiva das parcelas nas que se ten retirado esta especie invasora, pero queda aínda moito traballo por facer. Polo tanto, a campaña 2020 (que comezará proximamente) continuará coa posta en valor deste espazo natural a través de actividades divulgativas, e con novos esforzos dirixidos á retirada do Carpobrotus edulis (ou “herba do coitelo”), especie vexetal incluída no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras* e referida no libro Plantas Invasoras de Galicia**, a través de novas quendas de voluntariado ambiental, que axuden a continuar avanzando na eliminación desta planta que leva anos comprometendo e restrinxindo a diversidade biolóxica do, hoxe día, ENIL Torre de Hércules.

As actividades de campo abertas ao público no marco desta nova campaña serán de balde, mais as prazas serán limitadas en cada xornada, sendo precisa a inscrición previa para a participación a través dos formularios online que sexan habilitados na nosa web, segundo o avance do programa. Todos aqueles participantes que sexan confirmados contarán cun seguro de Accidentes e Responsabilidade Civil durante o desenvolvemento das actividades, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da/s actividade/s. Así mesmo, o G.N.Hábitat poñerá a disposición os recursos necesarios para poder desenvolver axeitadamente as actividades.

Finalmente, as xornadas dirixidas á retirada de Carpobrotus edulis contarán coa colaboración da empresa xestora de residuos Gestán Conteco, quen cederá unha lona reutilizable, destinada a cubrir os diferentes contedores nos que se fará o amoreamento e transporte dos restos eliminados polo voluntariado, permitindo así suprimir o uso de plástico nestas tarefas.

Está atento! Pronto comezaremos a publicación das xornadas. 

Contamos contigo
————
*Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras.

** Fagúndez, J. & Barrada, M. (2007). Plantas invasoras de Galicia. Bioloxía, distribución e métodos de control. ​Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible​. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela, 209 pp.