Catro lontras mortas en apenas un ano (xaneiro 2017 – xaneiro 2018). Ese foi o punto de partida desta historia que, a pesar de ter un triste comezo ao constatarse un punto negro de atropelos desta especie a carón do encoro de Abegondo-Cecebre, semella chegar a un final feliz, materializándose o que agardamos sexa unha solución que reduzca (ou mesmo elimine), o impacto da rede viaria sobre a benquerida lontra na estrada AC-221.
Todo comezou grazas á información reportada polo compañeiro e naturalista Juan Veiga Crecente (ou “Cachy”, como é máis coñecido), amante da natureza e coñecedor en profundidade da poboación de lontras que acubilla o encoro. Dende a súa voz de alarma, puxémonos a traballar conxuntamente co gallo de atopar unha solución ao problema. Así, e xa en abril do 2018, dende o G.N.Hábitat emitimos un informe expoñendo detalladamente a situación, e establecendo unha proposta de mitigación consistente na colocación de sinalización vertical informando do perigo de paso por fauna silvestre, de redución de velocidade, e instalación de bandas rugosas nas proximidades ao punto negro. Este informe foi remitido á Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, así como a responsables da Empresa Municipal Aguas de La Coruña (EMALCSA), como institucións de interese a fin de comezar a traballar na posible solución. A resposta non puido ser mellor, xa que dendo o primeiro momento as partes consultadas puxéronse en marcha, cada unha no marco das súas competencias e capacidades.
A intención inicial de sinalización vertical e bandas rugosas non puido ter continuidade, mais xurdía entón a opción dun paso de fauna subterráneo baixo a estrada, a proposta da Axencia Galega de Infraestruturas (Consellería de Infraestructuras e Vivenda. Xunta de Galicia). Unha alternativa novidosa, tecnicamente máis complexa, e que requiría dunha análise máis en detalle. Dende este momento foi esencial a participación por parte do Concello de Cambre, cuxos técnicos e responsables da Concellería de Medio Ambiente asumirían a posta en marcha do proxecto, que contaría cun cofinanciamento da Unión Europea a través de axudas convocadas ao amparo da medida Leader, cofinanciadas con fondos Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.
O tempo pasaba, mais non estivemos parados. Para artellar o paso de lontras foi preciso consultar a bibliografía existente, a fin de coñecer as mellores condicións para o seu establecemento, e contouse tamén coa colaboración e asesoramento de diferentes expertos, que axudaron para a toma de decisións.
O proxecto tivo que superar todas as obrigas administrativas no relativo a autorizacións (Axencia Galega de Infraestruturas, Augas de Galicia, Patrimonio Natural, entre outras). Así mesmo, houbo que ir solventando multitude de dificultades para atopar unha solución que permitise cumprir cos requirimentos das autoridades, ao tempo que adaptarse aos condicionantes da vía, aos niveis e o corpo de presa do encoro, así como ás necesidades propias dun paso inferior para pequenos vertebrados en xeral, e para a lontra en particular.
Resúmense así brevemente casi tres anos de traballo a prol da conservación dunha especie, exemplo de colaboración entre particulares, organizacións privadas e institucións públicas. Unha longa e complicada viaxe, pero o paso é xa unha realidade. Namentres escribimos estas letras algúns detalles necesarios da obra aínda están rematando (valados perimetrais, entre outros). Será momento agora de estar pendentes e comprobar que a infraestrutura cumpre o obxectivo para a que foi deseñada, e todos os esforzos terán merecido sobradamente a pena.
Grazas a tod@s, tanto aos interesados na iniciativa como aos implicados directamente na súa execución, por facelo posible. Nomeadamente:
- A Cachy, por estar sempre ollando ás lontras de Cecebre.
- A Rafael Romero Suances e Alejandro Martínez Abraín, polas súas recomendacións en tódolos pasos desta iniciativa.
- A Ricardo Vázquez Pérez e responsables de EMALCSA, pola visión comprometida coa natureza do encoro.
- A Jorge Blanco Ballón e técnicos da Reserva de Biosfera MCeTM, polas xestións a prol do proxecto.
- A Patricia Parcero Quiñoy e técnicos do Concello de Cambre, por asumir a execución do paso de lontras.
- Chanin, P. (2006). Otter road casualties. Hystrix, the Italian Journal of Mammalogy, 17 (1): 79-90. Acceso á publicación.
- Design Manual for Roads and Bridges. Volume 10 Section 4 Part 4 (HA 81/99). Environmental design and management. Nature conservation. Nature conservation advice in relation to otters. Acceso á publicación.
- Iuell, B., Bekker, G.J., Cuperus, R., Dufek, J., Fry, G., Hicks, C., Hlavác, V., Keller, V., B., Rosell, C., Sangwine,T., Tørsløv, N. & Wandall, B. Le Maire, (Eds.). 2005. Fauna y Tráfico. Manual europeo para la identificación de conflictos y el diseño de soluciones. Organismo Autónomo Parques Nacionales. Ministerio de Medio Ambiente. Serie técnica. 166 pp. Acceso á publicación.
- Körbel, O. (1995). Hindering otter (Lutra lutra) road kills. Part 2. IUCN Otter Specialist Group Bulletin, 11: 38-44. Acceso á publicación.
- Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente. 2015. Prescripciones técnicas para el diseño de pasos de fauna y vallados perimetrales (segunda edición, revisada y ampliada). Documentos para la reducción de la fragmentación de hábitats causada por infraestructuras de transportes, número 1. Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente. 139 pp. Madrid. Acceso á publicación.
Novas relacionadas:
- Proyecto para construir un paso de nutrias bajo la AC-221 (Concello de Cambre).
- Cecebre estrena el primer paso subterráneo para nutrias en Galicia (La Voz de Galicia, 19/12/2020).
- Cambre prevé iniciar esta semana el paso de nutrias junto al embalse de Cecebre (La Opinión, 10/12/2020).
- Cambre (A Coruña) inicia las obras de un paso bajo la AC-221 para las nutrias de Cecebre (Quincemil, 09/12/2020).
- Vecinos de Cecebre alertan de la alta mortandad de nutrias por atropellos (La Voz de Galicia, 02/02/2019).
Se queres ter máis información sobre a cronoloxía dos acontecementos, podes ver a mesa de debate “Traballando para minimizar o impacto da rede viaria sobre a lontra: situación e propostas no encoro de Cecebre“, dispoñible para consulta aberta na nosa canle YouTube, celebrada o pasado 23 de outubro (antes de facerse realidade o paso) no marco das Xornadas sobre a Lontra – Lutra lutra. A conversa comeza no minuto 30:35

Gran traballo.
Parabéns para todos os que colaboraron
Moitos parabéns pola iniciativa!
Apertas,
Damián