Comprácenos comunicar que o programa de Voluntario Ambiental, dirixido ao control do Carpobrotus edulis na contorna da Torre de Hércules e Punta Herminia durante o ano 2018, ven de rematar todas as actuacións previstas.

RESUMO XERAL

  • Total participación = 226 personas.
  • Total volumen retirado = 122,5 metros cúbicos.
  • Resultados globais: as labores realizadas acadaron a completa retirada do Carpobrotus edulis da totalidade dos focos localizados na contorna de Punta Herminia, establecidos no obxectivo do programa. Respecto da Torre de Hércules, os esforzos investidos permitiron a retirada de dous dos múltiples focos espallados nesta contorna, así como a considerable reducción da superficie ocupada por un terceiro, moi amplo.
  • Consideracións finais: as accións realizadas lograron, grazas á participación do voluntariado, un gran descenso da superficie ocupada por esta especie exótica invasora nunha das áreas de maior valor natural da cidade da Coruña, chamada a ser declarada como Espazo Natural de Interese Local. Así e todo, son múltiples os focos que aínda permanecen presentes na contorna da Torre, así como nos noiros costeiros, e que non puideron ser abordados no marco desta campaña. Polo tanto, considérase recomendable a continuidade das tarefas que leven a continuar co control das especies invasoras na nosa cidade. Do mesmo xeito, serán necesarias labores de revisión ao longo do tempo nas parcelas traballadas, co gallo de controlar e eliminar os rebrotes que se puideran producir; cuestión que o G.N.Hábitat ten presente e pola que traballará nos vindeiros anos.

O Grupo Naturalista Hábitat quere mostrar o seu máis sincero agradecemento a todos os voluntarios participantes nestas tarefas….226 veces, grazas!! Foi o voso esforzo o que permitiu a mellora da nosa contorna natural.

Saúde e natureza!

CALENDARIO DE ACTIVIDADES:

  • 11ª Xornada: 11 de decembro do 2018, de 10 a 14h (actividade realizada)
  • 10ª Xornada: 10 de decembro do 2018, de 10 a 14h (actividade realizada)
  • 9ª Xornada: 4 de decembro do 2018, de 10 a 14h (actividade realizada)
    • Participa: Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña (OMA-UDC).
  • 8ª Xornada: 22 de novembro do 2018, de 10 a 14h (actividade realizada)
    • Participa: CPR Plurilingüe Andaina.
  • 7ª Xornada: 20 de novembro do 2018, de 10 a 14h (actividade realizada)
    • Participa: Centro de Inserción Social “Carmela Arias y Díaz de Rábago”.
  • 6ª Xornada: 15 de novembro do 2018, de 10 a 14h (actividade realizada)
    • Participa: CPR Plurilingüe Esclavas del sagrado corazón de Jesús.
  • 5ª Xornada: 14 de novembro do 2018, de 10 a 14h (actividade realizada)
  • 4ª Xornada: 8 de novembro do 2018, de 10 a 14h (actividade realizada)
    • Participa: CPR Plurilingüe La Grande Obra de Atocha.
  • 3ª Xornada: 2 de novembro do 2018, de 10 a 14h (actividade realizada)
  • 2ª Xornada: 25 de outubro do 2018, de 10 a 14h (actividade realizada)
    • Participa: CEIP Plurilingüe San Pedro de Visma.
  • 1ª Xornada: 24 de outubro do 2018, de 10 a 14h (actividade realizada)

Para participar nas xornadas de voluntariado ambiental dirixidas ao control do Carpobrotus edulis na contorna da Torre de Hércules e Punta Herminia é imprescindible a inscrición previa a través do seguinte formulario:

Acceso ao formulario de inscrición

OBXECTIVO E ACCIÓNS:

Logo de moito esforzo, e froito dun intenso traballo previo de xestión, o Grupo Naturalista Hábitat ven de asinar un convenio específico de colaboración co Concello de Coruña, cuxo obxectivo será a recuperación de zonas degradadas na contorna da Torre de Hércules-Punta Herminia, a través da posta en marcha de xornadas de voluntariado ambiental dirixidas ao control do Carpobrotus edulis (ou “herba do coitelo”), especie vexetal incluída no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras* e referida no libro Plantas Invasoras de Galicia**.

Cun marcado potencial invasor, o Carpobrotus leva anos avanzando, comprometendo e restrinxindo a diversidade biolóxica na nosa contorna. De orixe Sudafricano, recoñécese polas súas vistosas flores de cores amarelas ou rosadas, follas perennes e carnosas e talos longos e rastreiros. A súa presenza, fóra da súa área de distribución natural, supón un forte impacto, tanto sobre o hábitat no que se asenta como sobre as especies nativas alí presentes, sendo conveniente a posta en marcha de iniciativas que leven ao seu control e eliminación, sobre todo en áreas fráxiles coma dunas, areais ou cantís costeiros. Esta realidade cobra se cadra máis forza na área de traballo prevista, e nos tempos que corren, logo do recente inicio por parte do Goberno local dos trámites necesarios para a declaración da contorna da Torre de Hércules como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), figura de protección legal recollida na Ley de Conservación de la Naturaleza***, e cuxa consolidación completaría o recoñecemento Patrimonial deste espazo tan emblemático da nosa cidade, grazas agora aos seus valores naturais.

Baixo o nome “Custodia do Territorio e Voluntariado“, o acordo entre o Concello da Coruña e o G.N.Hábitat suporá a realización de varias xornadas de traballo ao longo do 2018, preferentemente en horario de mañá, cunha duración de 4 horas cada unha delas, levando a cabo labores de retirada manual desta especie invasora. As actividades serán de balde e abertas ao público, mais as prazas serán limitadas en cada xornada, sendo precisa a inscrición previa para a participación a través dos formularios online que sexan habilitados, segundo o avance do programa. Todos aqueles participantes contarán cun seguro de Accidentes e Responsabilidade Civil durante o desenvolvemento das actividades, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da/s actividade/s. Así mesmo, a organización poñerá a disposición os recursos necesarios para poder desenvolver axeitadamente os traballos, ao tempo que xestionará o relativo ao amoreamento, transporte e eliminación correcta dos restos retirados, a través dun xestor autorizado.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Se estás interesado en participar activamente na conservación da natureza da túa contorna, esta é a túa oportunidade!

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Anímate e ven connosco!

————

*Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras.

** Fagúndez, J. & Barrada, M. (2007). Plantas invasoras de Galicia. Bioloxía, distribución e métodos de control. ​Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible​. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela, 209 pp.

*** Ley 9/2001, de 21 de agosto, de Conservación de la Naturaleza.

2018-12-12T13:29:41+00:007 Decembro 2018|0 Comments

Leave A Comment