“1m2 por las playas y los mares” será un encontro cidadán, durante unha semana completa, para recoller e analizar os residuos mariños que chegan ata a nosa costa española. Esta é unha das actividades que integran o Proxecto Libera, desenvolvido por Ecoembes e SEO/BirdLife, e que ten como obxectivo concienciar e sensibilizar  á sociedade ante un dos maiores problemas medioambientais que sofre a nosa contorna: a práctica do littering, ou abandono de resíduos.

Dende o Grupo Naturalista Hábitat somos conscientes do grande impacto que xera o lixo na nosa biodiversidade, por iso queremos sumarnos a esta iniciativa  invitándoche a que participes con nós nesta importante xornada de voluntariado ambiental.

Para desenvolver esta labor, a Praia da Abeleira na desembocadura do río Lambre-, incluída na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, é un excelente enclave natural, dun alto valor biolóxico e paisaxístico no que levar a cabo esta estupenda iniciativa ambiental.

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o vindeiro domingo 8 de outubro de 10:00h a 13:00h na Praia da Abeleira, no Concello de Paderne. Así e todo, é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Os socios do G.N. Hábitat terán preferencia para a participación na xornada. En calquera caso seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado.

O Proxecto Libera cubrirá cun seguro de accidentes a todos os participantes desta actividade, polo que ao cubrir o formulario de inscrición enténdese a conformidade por parte do participante de ceder os seus datos persoais ao Proxecto, coa finalidade de facilitar a xestión do citado seguro. Así mesmo, o Hábitat e o Proxecto Libera achegarán para o día da limpeza os materiais necesarios para o seu adecuado desenvolvemento.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Anímate, ven connosco e axúdanos nesta limpeza!