O vindeiro sábado 7 de outubro de 10:00h a 14:00h terá lugar a cuarta das xornadas dirixidas á posta en valor, implicación e conservación do medio natural, recollidas baixo a inciativa “Traballando pola mellora do patrimonio natural“ no 2017.
Nesta ocasión, froito da aposta de ABANCA Obra Social e o G.N.Hábitat pola apertura das accións de voluntariado á participación cidadá, a sociedade está convidada a achegarse da man do Voluntariado ABANCA nesta fermosa xornada, na que aproveitaremos para levar a cabo un obradoiro de elaboración de caixas niño para aves e unha limpeza de residuos.
A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar na contorna do Paseo do Rato (Lugo). Así e todo, é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado. Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Anímate, ven connosco e colabora na mellora do Patrimonio Natural!

Leave A Comment