Chegamos á 11ª convocatoria, o Grupo Naturalista Hábitat, da man da Empresa Municipal Aguas de La Coruña (Emalcsa) e a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, comprácese en organizar o XI CERTAME DE DEBUXO DA NATUREZA “Vida silvestre do encoro de Cecebre”.
Comezamos un novo ciclo de Certames de Debuxo centrándonos nas especies que podemos ver no Encoro de Abegondo-Cecebre nas diferentes estacións do ano. Este XI Certame comeza co “Outono no Encoro” sendo esta estación unha época de transición entre o verán e o inverno, na que a flora e a fauna comeza a prepararse para os meses máis fríos do ano. Descubriremos as especies que aproveitan esta época para visitar o encoro ou aquelas que volver a deleitarnos coa súa presenza nos meses que as nubes volven a traer auga ao encoro tras a calor do verán.
Coa posta en marcha desta iniciativa preténdese implicar á xente no contacto coa súa contorna, a través do debuxo da flora, fauna e xea presente no espazo natural protexido do encoro de Cecebre [integrado na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo] e as cuncas dos ríos Mero e Barcés, co gallo de consolidar na cidadanía unha corrente de interese polo coñecemento e preocupación pola conservación do Patrimonio Natural.
A inscrición é de balde e aberta á cidadanía, non sendo preciso ter aptitudes nin coñecementos en ilustración para poder participar, tan só as ganas de gozar da natureza a través do debuxo.
Haberá dúas categorías diferentes (menores e maiores de 14 anos) e premios en todas elas para as obras máis salientables. Así mesmo, de entre as obras achegadas seleccionaranse aquelas que pasarán a ilustrar o Calendario 2024 da nosa entidade.
O prazo de peche de inscricións e entrega dos debuxos rematará o 31 de xullo de 2023.
Toda persoa que desexe participar deberá ler e cumprir o recollido no documento das Bases Reguladoras (dende as cales se da acceso ao formulario de inscrición online), dispoñibles na seguinte ligazón:
Así mesmo, podes descargar o cartel do XI certame de debuxo na seguinte ligazón, e animar a compañeiros e amigos a participar!
Anímate, difúndeo e axúdanos a superarnos este ano!!
* Se queres atopar máis información, imaxes e vídeos de anteriores convocatorias desta iniciativa, visita a seguinte ligazón: novas do certame na nosa web.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Promove: Colabora:



Leave A Comment