Dende o G. N. Hábitat continuamos a nosa colaboración coa Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP). Nesta ocasión, e de novo na sede da Coruña da UIMP (rúa San Francisco, 27. Instalacións da Fundación Luis Seoane: ver localización no mapa), realizaremos o obradoiro de natureza “Rastros e sinais da fauna salvaxe” (Código 66BF), para achegarnos en profundidade ao mundo do rastrexo e descubrir a biodiversidade oculta a través das pegadas que deixan os animais na paisaxe.

O obradoiro, impartido polos nosos compañeiros Manuel Cernadas e Andrés Pereira, celebrarase nas datas do xoves 26 e venres 27 de novembro de 2026, en horario de tarde (ver imaxe co programa completo). Ao longo destas dúas xornadas (6 horas en total), e combinando contidos teóricos —o xoves na Fundación Luis Seoane— cunha saída de campo —o venres, con sesións teórica e práctica—, aprenderemos a interpretar as pistas que deixa a natureza: pegadas, restos de alimentación e outros sinais frecuentes no campo galego.

O obradoiro é de balde e aberto a todas as persoas interesadas. Así e todo, para a participación (e especialmente na saída práctica, onde as prazas son limitadas) é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte correo electrónico:

galiciasa@uimp.es

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de enviar o e-mail non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte da UIMP tamén a través de correo electrónico.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, informa á UIMP da situación á maior brevidade posible para facilitar a participación doutros interesados.

Dúbidas e comentarios en galiciasa@uimp.es

Agardámoste!