Logo das numerosas peticións por mor do verán e a coincidencia co período vacacional de moitos participantes no certame, anunciamos a ampliación do prazo de participación na 6ª convocatoria deste evento ata o vindeiro 15 de outubro!
Como xa é sabido, o CERTAME DE DEBUXO DA NATUREZA“Vida silvestre do encoro de Cecebre” é unha iniciativa organizada dende o Grupo Naturalista Hábitat da man da Empresa Municipal Aguas de La Coruña (Emalcsa), e que neste ano conta coa colaboración da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
Desta volta, baixo o título “A Fraga Encantada do Encoro“, o G.N.Hábitat quere poñer en valor á fraga como espazo de asentamento, refuxio, alimento e cría para moitas especies, dándolle un toque máxico e facendo referencia á fraga de Cecebre, inmortalizada na obra de Wenceslao Fernández Flórez “El Bosque Animado”, publicada no 1943.
Coa posta en marcha desta iniciativa preténdese implicar á xente no contacto coa súa contorna, a través do debuxo da flora, fauna e xea presente no espazo natural protexido do encoro de Cecebre [integrado na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo] e as cuncas dos ríos Mero e Barcés, co gallo de consolidar na cidadanía unha corrente de interese polo coñecemento e preocupación pola conservación do Patrimonio Natural.
A inscrición é de balde e aberta á cidadanía, non sendo preciso ter aptitudes nin coñecementos en ilustración para poder participar, tan só as ganas de gozar da natureza a través do debuxo.
Haberá dúas categorías diferentes (menores e maiores de 14 anos) e premios en todas elas para as obras máis salientables. Así mesmo, de entre as obras achegadas seleccionaranse aquelas que pasarán a ilustrar o Calendario 2019 da nosa entidade.
O prazo de peche de inscricións e entrega dos debuxos rematará finalmente ás 14h do luns 15 de outubro de 2018.
Toda persoa que desexe participar deberá ler e cumprir o recollido no documento das Bases Reguladoras (dende as cales se da acceso ao formulario de inscrición online), dispoñibles para a súa descarga na seguinte ligazón:
Así mesmo, podes descargar o cartel do VI certame de debuxo na seguinte ligazón, e animar a compañeiros e amigos a participar!
Anímate, difúndeo e axúdanos a superarnos este ano!!
* Se queres atopar máis información, imaxes e vídeos de anteriores convocatorias desta iniciativa, visita a seguinte ligazón: novas do certame na nosa web.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Colaboran
Nota
- Coa publicación desta información en data 30-08-2018 enténdese por comunicada a modificación das Bases Reguladoras do evento, co único cambio no prazo de participación que queda ampliado do 1 de setembro ao 15 de outubro, en cumprimento do especificado no apartado nº 15, parágrafo quinto, das Bases Reguladoras.



Leave A Comment