Este domingo 27 rematamos as actividades en campo do noso proxecto “Vixías dos nosos ríos” e pensamos que non hai mellor forma de facelo que cunha última ruta no Parque Natural das Fragas do Eume na cal aproveitaremos para recoller o lixo que atopemos. Durante a actividade de voluntariado ambiental desfrutaremos dos valores naturais da contorna e comentaremos os impactos e ameazas que presenta o parque.
O Parque Natural das Fragas do Eume contén un dos bosques atlánticos de fraga mellor conservados de toda Galicia. Estes bosques aparecen na contorna debido as ideais condicións climáticas e bioxeográficas da zona, que levan consigo a presenza dunha serie de especies singulares das que destacan os relictos macaronésicos, como a Woodwardia radicans ou a Chioglossa lusitanica.
En previas visitas ao río Eume, puidemos calcular os parámetros de calidade do río, tanto de macroinvertebrados como de bosque de ribeira e fisicoquímicos. Chegamos á conclusión de que o bosque de ribeira do río Eume ten unha calidade boa ou moi boa, sacando 85 e 90 puntos dependendo do tramo no que nos atopemos do río (en tramos baixos a calidade é algo peor). O índice de calidade ecolóxica (macroinvertebrados) deu un valor de 110, un resultado clasificado como “Moderado”, o que nos indica posibles impactos na masa de auga como poden ser verquidos. Na nosa visita non detectamos verquidos, e os parámetros fisicoquímicos deron como resultado calidade “Moi boa”, a pesares de que o valor de pH atopouse no límite cara a clasificación “Bo”.
A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o domingo 27 de outubro do 2024, de 10:00h a 14:00h. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Este voluntariado ambiental encádrase no programa de actividades de “Vixías dos nosos ríos”, un proxecto do Grupo Naturalista Hábitat subvencionado por Augas de Galicia.
Dúbidas e comentarios en vixiasrios@gnhabitat.org│639 13 16 88
Agardámoste!

Leave A Comment