O vindeiro domingo 18 de novembro tes unha nova cita coa natureza! Da man da Consorcio de Turismo da Coruña, e integrada nos actos de celebración da Semana da Ciencia, realizaremos unha nova xornada ambiental na contorna da Torre de Hércules, espazo que acolle xa as actividades de control da especie exótica invasora Carpobrotus edulis que estamos a desenvolver en convenio co Concello da Coruña, co obxectivo da mellora ambiental desta área emblemática da nosa cidade, chamada a ser declarada Espazo Natural de Interese Local.

Desta volta descubriremos a diversidade de fauna e flora aquí presente, aproveitando o noso percorrer para facer unha retirada activa do lixo que nos atopemos. Aprenderemos, achegarémonos á natureza e falaremos sobre a situación ambiental da contorna, facendo fincapé na problemática dos residuos no noso medio, e todo baixo o marco incomparable que nos ofrece a Torre de Hércules.

A xornada, de balde e aberta ao público de todas as idades, terá lugar de 11:30 a 13:30h. Así e todo, para a participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

Acceso ao formulario de inscrición

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado.

Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Anímate e ven connosco!

2018-11-05T12:14:42+00:004 Novembro 2018|0 Comments

Leave A Comment