Este venres tes unha nova cita nos nosos Encontros Naturalistas online. Nesta ocasión coñeceremos de primeira man unha magnífica iniciativa dirixida á divulgación da natureza: a Revista Maresía – Cuadernos de naturalistas cantábricos, cuxo contido e artigos poden consultarse libremente a través do blog maresiacantabrica.blogspot.com

10 anos de andaina e traballo dan para moitas anécdotas, e ninguén mellor para falarnos desta revista que o seu editor, César Álvarez Laó, doutor en Bioloxía, ornitólogo, montañeiro, pero sobre todo naturalista. Fundador e colaborador de varias asociacións ecoloxistas e conservacionistas asturianas, principalmente do Grupu d´Orntoloxía Mavea, onde leva a cabo gran parte da súa actividade. Froito das súas inquedanzas, César desenvolve hoxe día diversos proxectos de seguimento do medio natural: aves acuáticas no esteiro de Avilés, vertebrados atropelados, anelamento de gaivotas patiamarelas en Asturies, itinerarios de bolboretas e vacalouras, biodiversidade dunha parcela da cordillera Cantábrica, e por suposto, a revista Maresía. Da súa man faremos un repaso na historia desta revista, que comparte filosofía e obxectivos coas publicacións científicas propias do G.N.Hábitat: a nosa revista científica Chioglossa, e o noso boletín de divulgación ambiental A Mobella, támen dispoñibles para a súa libre descarga dende a nosa web. 

A emisión desta charla será o venres 23 de abril do 2021, ás 20:30h, baixo o título “Revista Maresía: 10 años divulgando la naturaleza cantábrica”. Se queres participar como público poderás conectar libremente a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito a través destas mesmas redes. Rematada a conferencia, un moderador dará paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas.

Podes seguirnos na nosa canle de Youtube:

E tamén:

 

Agardámoste!