Novo éxito das xornadas Hábitat Protexe! Desta volta celebrando o Día das aves xunto co resto de entidades que apoiaron nesta fin de semana a iniciativa de SEOBirdLife ao longo de todo o territorio nacional. E como non, grazas aos ornitólogos voluntarios que acompañaron ás máis de 70 persoas en 6 postos de observación e ao Grupo de Anelamento Hércules na súa estación de anelamento. Con eles puidemos vivir dúas xornadas cheas de aprendizaxe e coñecemento sobre as aves.

Acompañounos o bo tempo e puidemos observar 83 especies de aves, entre elas: Mazaricos, bilúricos, píllaras, choias, pilros, garzas, gaivotas, entre moitas outras. Ademais, nesta ocasión, tivemos o privilexio de poder observar o Peto formigueiro (Jynx torquilla), Falcón peregrino (Falco peregrinus), a Tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus) ou a Cegoña negra (Ciconia nigra), que fixeron ás delicias dos asistentes.

Coa achega económica pola vosa asistencia, que se destinará integramente, colaborouse co traballo que fan entidades de custodia, ás cales poderán conservar case 1000 m2 máis de bosque autóctono.

  • Fundación Fragas do Mandeo (FFM). Esta entidade foi fundada no 2010 có obxectivo adquirir e custodiar parcelas de alto valor ambiental en As Mariñas (A Coruña), en especial no espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo. Actualmente, FFM ten en custodia 268.340 m2, en lugares como o Monte da Espenuca (Coirós), a Lagoa de Sobrado (Sobrado dos Monxes) ou ribeiras de ríos coma o Mandeo (Aranga) ou o Mendo (Oza-Cesuras).
  •  BETULA, Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico. Esta entidade traballa arreo na conservación do bosque atlántico, facendo fincapé nas Fragas do Eume.
  • Asociación Galega de Custodia do Territorio, constituída en Rábade (Lugo) e que conta hoxe día con múltiples acordos na xeografía galega, valéndose sempre da custodia do territorio como ferramenta para a conservación e recuperación do patrimonio natural.

Animádevos tamén a participar con calquera delas nas xornadas de voluntariado ambiental, colaborando así dunha forma máis activa.

Todos os asistentes recibiron un lote de agasallos formado por diversas publicacións científicas e divulgativas do G.N. Hábitat e unha caixa niño para aves grazas a colaboración que dende hai uns meses comezamos coa empresa Husqvarna.

Vémonos na seguinte xornada de Hábitat Protexe para seguir axudando á conservación do noso!!