Os días 5 e 6 de outubro celebrase o Día das Aves 2019. Este ano, e da man da SEO/BirdLife, somos moitas as entidades que realizaremos accións para dar a coñecer estes animais e divulgar a súa importancia nos nosos ecosistemas e na nosa contorna. 

Dende os inicios do Grupo Naturalista Hábitat, a meirande parte dos naturalistas que formaban parte da nosa entidade eran ornitólogos. Durante anos estiveron traballando arreo para que moitos dos lugares que eran moi queridos polas aves non se perdesen, nin para elas, nin para nós.

Como sabedes, este ano cumprimos 40 anos do comezo desas primeiras batallas, e agora queremos loitar con ese mesmo espírito, que todos xuntos deixemos o noso gran de area na conservación dos nosos espazos naturais. Por iso, voluntarios do G.N. Hábitat imos dividirnos en varios espazos especiais para a observación de aves para que todos nós poidamos gozar delas e ademais axudar a conservar o noso Patrimonio Natural con Hábitat Protexe.


O sábado, 5 de outubro do 2019, acompañaremos ao Grupo de anelamento Hércules de 09:30h a 13h nunha xornada de anelamento científico de aves, na súa estación de esforzo constante no estuario do Anllóns, en Ponteceso. Unha oportunidade única para poder ver de preto o impagable traballo que levan a cabo os nosos grupos de anelamento para aumentar o coñecemento sobre as aves que nos rodean.

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación (15 prazas).

  • Socios G.N. Hábitat: Gratuíto (as cotas de socio do G.N.Hábitat xa aportan anualmente a entidades de custodia).
  • Nenos (menores de 14 anos): 5€
  • Adultos (maiores de 14 anos): 8€

O domingo, 6 de outubro do 2019, de 10:30h a 13:30h, realizaremos xornadas de observación de aves en varias localizacións:

  • Torre de Hércules.
  • Ría do Burgo.
  • Complexo dunar Razo – Baldaio.
  • Encoro de Abegondo-Cecebre.
  • Ría de Betanzos – Pazo de Mariñan.

Estas actividades serán guiadas por ornitólogos voluntarios do G.N. Hábitat. As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. 

  • Socios G.N. Hábitat: Gratuíto (as cotas de socio do G.N.Hábitat xa aportan anualmente a entidades de custodia).
  • Nenos (menores de 14 anos): 3€
  • Adultos (maiores de 14 anos): 5€

Para poder asistir a estas actividades tes que inscribirte neste formulario:

Formulario de inscrición

 

Tes ata o xoves 3 de outubro para inscribirte!!!

No correo de reserva de praza recibirás as instrucións para realizar o abono.

Coma todas as accións anteriores de Hábitat Protexe, o recadado irá destinado INTEGRAMENTE a entidades de custodia do territorio. Nesta ocasión todo o que se recade destinarase ás tres entidades que levamos traballando este ano: 

  • Fundación Fragas do Mandeo (FFM). Esta entidade foi fundada no 2010 có obxectivo adquirir e custodiar parcelas de alto valor ambiental en As Mariñas (A Coruña), en especial no espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo. Actualmente, FFM ten en custodia 268.340 m2, en lugares como o Monte da Espenuca (Coirós), a Lagoa de Sobrado (Sobrado dos Monxes) ou ribeiras de ríos coma o Mandeo (Aranga) ou o Mendo (Oza-Cesuras).
  •  BETULA, Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico. Esta entidade traballa arreo na conservación do bosque atlántico, facendo fincapé nas Fragas do Eume
  • Asociación Galega de Custodia do Territorio, constituída en Rábade (Lugo) e que conta hoxe día con múltiples acordos na xeografía galega, valéndose sempre da custodia do territorio como ferramenta para a conservación e recuperación do patrimonio natural. 

É importante que recordes que para asistir a estas actividades é necesaria a inscrición previa e o pago por anticipado. Non se admitirán na actividade a persoas non apuntadas ou que non fixesen o pago no prazo establecido. 

Todos os participantes contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Todos os participantes recibirán un lote de agasallos naturalistas en agradecemento pola súa asistencia.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Anímate e ven connosco!