As actividades divulgativas enmarcadas no proxecto “Coñece o teu mar” previstas para o ano 2024, nas que participaron máis de 30 persoas, chegaron ao seu fin.
Durante outubro e novembro, nos concellos de Arteixo e Bergondo celebráronse actividades divulgativas sobre os océanos, as súas características e elementos, e a flora e fauna que neles habitan. Tamén se levaron a cabo as correspondentes saídas de campo na praia de Sorrizo (Arteixo) e Gandarío (Bergondo), onde tivemos ocasión de coñecer as especies de algas e animais propios do intermareal, interpretar o litoral e facer unha análise básica da calidade das augas mariñas.
Estas actividades, abertas á cidadanía, teñen como obxectivo educar e concienciar sobre a importancia dos ecosistemas mariños, a súa biodiversidade, conservación e os impactos humanos neles. Isto está directamente vencellado ao Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) nº 14 Vida Submariña, que procura conservar e utilizar de xeito sostible os océanos, mares e recursos mariños.
Esta iniciativa é posible grazas ao financiamento do GALP Golfo Ártabro Sur a través de fondos da Unión Europea e a Consellería do Mar.
Compre salientar que o proxecto “Coñece o teu mar” aínda non rematou! No 2025 levaremos a cabo máis actividades nos concellos de Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada. Proximamente anunciarémolas nas nosas canles habituais.
Permanecede atent@s!

Leave A Comment