Velaquí unha nova actividade no Monte da Fraga, organizada da man da Oficina de Sustentabilidade (OdS) da Universidade da Coruña. Nesta ocasión, guiados polas explicacións do compañeiro e avezado fotógrafo Juan Del Río, introducirémonos no apaixonante mundo da fotografía de natureza. Coñeceremos as nocións básicas para dar os primeiros pasos neste eido (equipamento, configuracións, consellos prácticos, entre outros), e faremos especial fincapé no aproveitamento da xornada a través da experiencia práctica, procurando que os asistentes poidan sacarlle o mellor rendemento aos seus dispositivos á hora de retratar a fauna, flora e hábitats naturais, xa sexa empregando unha cámara fotográfica convencional ou mesmo co seu teléfono móbil.
A actividade, de balde e aberta ao público, terá lugar o sábado 16 de novembro do 2024, de 11 a 13h. Será unha xornada eminentemente práctica en campo, movéndonos pola contorna do Monte da Fraga. Para a participación na actividade é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat, a través do correo electrónico achegado na inscrición.
No caso de que a previsión meteorolóxica na data establecida non permita desenvolver a xornada de manera axeitada, a actividade poderá trasladarse a outra data. Esta circunstancia será avaliada polos organizadores e, de ser o caso, informarase do aprazamento vía email aos inscritos.
A xornada establece un recoñecemento de créditos para estudantes de grao da UDC: 2h (1c por cada 10h de participación en actividades da OdS).
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Prégase seriedade e compromiso na asistencia. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.
Dúbidas e comentarios: inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Anímate e ven connosco!

A esta non podo ir, oxalá repitades e apúntome de seguro.