Este xoves continuaremos cos nosos Encontros Naturalistas en formato virtual, achegándonos a un dos proxectos ambientais máis destacados da nosa comuninidade: o Proxecto Ríos. Nacido no ano 2005, e coordinado polos compañeiros da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), o proxecto procura divulgar a situación ambiental dos nosos cursos fluviais, contribuír a incrementar a concienciación ambiental a través da participación cidadá, aportar solucións aos problemas asociados á auga e aos ríos, e convertese nun referente nos programas de educación e voluntariado ambiental. Na actualidade, o proxecto está promovido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través dos organismos Augas de Galicia e o Instituto de Estudos do Territorio.

E para falarnos desta iniciativa, e de todas as actuacións que leva aparelladas, teremos a sorte de contar cos compañeiros:

  • Virginia Rodríguez. Licenciada en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela. Profesora de Física e Química dende o 2006. Directora do IES Fin do Camiño (Fisterra) dende o ano 2014 ate o 2019, e Vicedirectora no IES de Brión dende setembro de 2019, centros nos que desenvolveu diversos proxectos ambientais. Hoxe día ocupa o cargo de Presidenta de ADEGA, sendo vogal de Auga dende o ano 2009 e coordinadora do Proxecto Ríos dende o ano 2004.
  • Ramsés Pérez. Licenciado en Pedagoxía e Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Educador Ambiental en ADEGA e coordinador dos programas e proxectos  de educación e voluntariado ambiental da asociación, dende o ano 2000. Impulsor de proxectos de Custodia do Territorio da entidade, e de Custodia Fluvial do Proxecto Ríos, así como doutras iniciativas de ADEGA como Charcas con vida ou o Programa de seguemento do Glis glis (rilón) no Macizo Central Ourensán.  Vogal do Observatorio Galego de Educación Ambiental dende a súa creación.

A emisión desta conferencia será en directo, o xoves 18 de xuño, ás 19h. Se estás interesado en participar como público poderás conectar libremente a través das nosas canles Facebook ou YouTube, e facer as túas consultas por escrito a través destas mesmas redes. Rematada a conferencia un moderador dará paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas, léndoas en directo aos relatores.

Podes seguirnos na nosa canle de Youtube:

E tamén:

Directo na nosa páxina de Facebook

 

 

Agardámoste!