Este sábado, 13 de xuño, ás 19h, volveremos a Falando de natureza centrándonos nuns mamíferos apaixonantes e misteriosos, os morcegos. Este faladoiro centrarase nos morcegos que temos en Galicia, os servicios ecosistémicos que ofrecen e a súa relación co COVID-19.

Virán a falarnos deles dende a Asociación DROSERA, tres grandes coñecedores destes animais:

  • Manuel Arzúa: Vogal de DROSERA, biólogo e Consultor ambiental no seguimento de fauna, en especial, de quirópteros en Galicia (en parques eólicos) e en Reino Unido. En DROSERA colabora no proxecto Morcegos de Galicia desde 2007. Membro da Sociedade Galega de Historia Natural. Voluntario en varios proxectos de seguimento de morcegos, revisión de caixas refuxio, radioseguimento de morcegos forestais, seguimento en sitios swarming. Participou en diferentes proxectos centrados no estudo dos quirópteros en Honduras e México. 
  • Zeltia López: Vogal de DROSERA, bióloga e Consultora ambiental. Comezou en DROSERA no Proxecto “Conservación del murciélago pequeño de herradura (Rhinolophus hipposideros) en Galicia a través del estudio genético de sus poblaciones”  e, logo disto, centrou os seus esforzos no estudo dos quirópteros. Realizou o seu proxecto de mestrado sobre a ecoloxía espacial do morcego rateiro forestal (Myotis bechsteinii) na Universidad Complutense de Madrid, dirixida por Roberto Hermida. Participou en varios proxectos centrados nos morcegos en Escocia, Costa Rica e Honduras.
  • Roberto Hermida: Doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) coa tese “Morfología y sistemática del lobo ibérico (Canis lupus L. )”. No ano 2008 votou a andar o proxecto “Morcegos de Galicia” dende a asociación DROSERA, centrado no estudo e protección deste grupo de fauna. É o secretario da Asociación DROSERA e preside a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), entidades que traballan xuntas no fomento de acordos para a protección das colonias de morcegos mediante a custodia dos seus emprazamentos.

A emisión deste faladoiro, moderado pola compañeira do G.N. Hábitat, Elia Pérez Taboada, será en directo este sábado, 13 de xuño, ás 19h. Se estás interesado en participar como público poderás conectarte libremente a través das nosas canles de Facebook ou YouTube, e facer as túas consultas por escrito a través destas mesmas redes. Rematada a conferencia o moderador dará paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas.

Podes seguirnos na nosa canle de Youtube:

E tamén:

Directo na nosa páxina de Facebook

 

 

Agardámoste!