Comprácenos anunciar a posta a andar do Proxecto Aves Urbanas 2020, que pretende a recollida de información sobre indicios de cría das especies de aves urbanas na cidade da Coruña, ao longo do mes de maio deste 2020.
Dende o G.N.Hábitat somos plenamente conscientes da situación actual que estamos a vivir, e polo tanto, este novo proxecto que entronca no eido da denominada Ciencia Cidadá, respetará en todo caso o establecido polo goberno central no “Plan para la Transición hacia una Nueva Normalidad” aprobado, as especificacións pertinentes e o avance das medidas que fosen comunicadas pola Administración, xunto cas normas e recomendacións que leven aparelladas. Nesta liña, preténdese que todo aquel que desexe participar no proxecto aproveite unicamente as actividades que se poderán comezar a realizar fóra dos domicilios (paseos, por exemplo), para ollar nos barrios da Coruña ás aves urbanas durante o percorrer, ou mesmo dende as fiestras das propias casas.
Como non podería ser doutro xeito, a seguridade, a responsabilidade e a saúde serán prioritarios, mais agardamos que as medidas de alivio na mobilidade nos permitan, en proxectos coma este, retomar certo grao de achegamento á nosa fauna máis próxima.
Obxectivo e metodoloxía
O proxecto consistirá en buscar indicios de cría (machos territoriais, adultos con material para facer o niño, adultos con bicada, niños…), das seguintes especies de aves que se sabe crían ou criaron na cidade:
- Pardal (Gorrión común) – Passer domesticus.
- Rabirrubio (Colirrojo tizón) – Phoenicurus ochruros.
- Estorniño negro (Estornino negro) – Sturnus unicolor.
- Cirrio común (Vencejo común) – Apus apus.
- Cirrio pálido (Vencejo pálido) – Apus pallidus.
- Andoriña común (Golondrina común) – Hirundo rustica.
- Andoriña de cu branco (Avión común) – Delichon urbicum.
Área de estudo: establécese o límite territorial do Concello da Coruña (ver imaxe).
Metodoloxía: para facilitar a recollida da información necesaria, na seguinte ligazón poderás ver e descargar a “Ficha de recollida de datos“, onde figura detallado todo o que deberás anotar nas túas observacións.
Envío de datos para o proxecto: unha vez teñas recollida a túa información (seguindo a ficha anexa no punto anterior), xa poderás aportar os teus rexistros para o proxecto a través do seguinte formulario habilitado, dun xeito rápido e fácil.
Dúbidas ou consultas sobre o proxecto: damian.romay@gnhabitat.org
Para coñecer en detalle esta iniciativa, as nosas aves urbanas e a metodoloxía de participación, o compañeiro e ornitólogo Cosme D. Romay dará unha charla de presentación en directo o domingo 3 de maio ás 20:30h. Se estás interesado en participar como público poderás conectarte libremente a través das nosas canles de Facebook ou YouTube, e facer as túas consultas por escrito a través destas mesmas redes. Rematada a conferencia un moderador dará paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas.
Podes seguirnos na nosa canle de Youtube:
E tamén:
Agardámoste!
Colabora




Leave A Comment