Continuamos Falando de natureza dende os nosos fogares. Desta volta, abordaremos o abraiante mundo da micoloxía da man dos compañeiros da Asociación Micolóxica Coruñesa (AMC) e convidados de excepción. 

“Micoloxía ou cogumeloxía: académica e popular. Un gozo para o Homo sapiens”. Este enigmático título pretende enmarcar unha xornada que permitirá afondar sobre relevancia dos fungos nas nosas vidas, dende diferentes perspectivas. Todos os seus segredos poderemos descubrilos grazas á participación de:

  • Raquel Poncini: membro da AMC e Guía micolóxica. Dende fai máis de dez anos participa activamente no seu concello (A Laracha) en roteiros, charlas e exposicóns micolóxicas.
  • José María Traba: Presidente e fundador a AMC, José María é ao mesmo tempo Presidente da Federación Galega de Micoloxía. Con máis de 35 anos de experiencia, ten desenvolvido numerosas conferencias e cursos sobre micoloxía, tanto en Galicia como noutras rexións. É coautor de varios libros de micoloxía e colaborador activo en varias revistas nacionais neste eido. Membro do comité organizador do VI Workshop Internacional de Micoloxía “Russulales Jaca 2020”. Hoxe día atópase realizando a súa Tese de doutoramento en Biotecnoloxía avanzada na UDC, sobre a aplicación de técnicas moleculares para o estudo dos fungos Macromicetos (co xéreno Russula, en particular).
  • Fernando Ramos: Vicepresidente da AMC e avezado coñecedor do mundo micolóxico. Dende os anos 80 leva participado en numerosas iniciativas a prol da divulgación da natureza en xeral, e da micoloxía en particular. Membro activo en diversos colectivos ambientais ao longo dos anos, foi tempo atrás Vicepresidente do Grupo Naturalista Hábitat. Vocal da Comisión de Educación e Comunicación (CEC) de UICN España, traballa hoxe día como consultor. 
  • Antonio Couceiro: membro da Sociedad ibérica de Micología (SIM) e da Asociación Micolóxica Andoa (Concello de Cambre). Colaborador e coautor en varias revistas micolóxicas galegas.

A emisión deste faladoiro, que virá moderado pola compañeira de Hábitat Bibiana Lorenzo, será en directo o xoves 30 de abril ás 20:30h. Se estás interesado en participar como público poderás conectarte libremente a través das nosas canles de Facebook ou YouTube, e facer as túas consultas por escrito a través destas mesmas redes. Rematada a conferencia a moderadora dará paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas.

Podes seguirnos na nosa canle de Youtube:

E tamén:

Directo na nosa páxina de Facebook

 

 

Agardámoste!