Este xoves continuaremos Falando de natureza dende os nosos fogares, achegándonos de preto a unha das xoias da nosa avifauna: a Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus). Da man dos compañeiros da Asociación Ambiental Senda Nova, aos que aproveitaremos para coñecer en detalle e o traballo que desenvolven, poñeremos en valor o establecemento de alianzas entre entidades ambientais, dirixidas a mellorar a conservación de especies como a pequena Píllara.

A Píllara das dunas (ou Chorlitejo patinegro, no seu nome castelán) non é soamente unha das especies de aves que cría, se alimenta ou descansa nos areais de Baldaio e Razo, senón que ademais forma parte tristemente do patrimonio natural ameazado de Galicia, cunha reducida poboación única en todo o sector cántabro-atlántico do litoral español.

Como é a Píllara? Cales son as súas ameazas? Que relevancia ten a contorna de Baldaio para a súa conservación? Que se está a facer -e que podemos facer cada un de nós- para procurar o seu éxito en Galicia? Destas e moitas outras cuestións falaremos con:

  • Eva Cameán Secretaria da Asociación Ambiental Senda Nova.
  • Xosé Manuel MenéndezPresidente da Asociación Ambiental Senda Nova.
  • Roberto Vidal – Responsable do Grupo de Traballo da Píllara das dunas no G.N. Hábitat.

A emisión deste faladoiro, moderado polo compañeiro de Hábitat Andrés Pereira, será en directo o xoves 7 de maio ás 20:30h. Se estás interesado en participar como público poderás conectarte libremente a través das nosas canles de Facebook ou YouTube, e facer as túas consultas por escrito a través destas mesmas redes. Rematada a conferencia o moderador dará paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas.

Podes seguirnos na nosa canle de Youtube:

E tamén:

Directo na nosa páxina de Facebook

 

 

Agardámoste!