cartel

Diversos colectivos ambientais e culturais vimos de comezar unha nova campaña en relación ao novo proxecto de senda fluvial até os Caneiros, lesivo co espazo natural protexido, repetindo de novo as actuacións realizadas no 2010 e no 2015 e promovendo alternativas máis respectuosas co medio natural, e se cadra máis económicas.

O pasado 28 de decembro de 2016 o Concello de Betanzos anunciou a apertura do proceso de licitación do proxecto nomeado “Construcción de senda fluvial e adecuación da zona de Os Caneiros. Betanzos” (acceso á información), que suporá actuacións de impacto na beira do río Mandeo. O texto supón, en esencia, o mesmo proxecto que se quixo executar no ano 2014, e tamén similar ao que presentou o Plan Mandeo no ano 2010. A cidadanía expresou naquelas dúas ocasións a súa oposición aos aspectos máis lesivos para o patrimonio natural, paisaxístico e etnográfico do proxecto, e apoiaron unha alternativa máis ecolóxica e máis económica baixo o nome de “Alternativa ecolóxica á ruta do caneiros proxectada polo Concello de Betanzos” (acceso ao informe completo), elaborada por unha plataforma que constituimos oito asociacións ambientalistas e culturais no seu momento.

Pois ben, logo deste rexurdir do proxecto o pasado día 10 de xaneiro de 2017 reunímonos novamente varios colectivos para artellar unha nova campaña, comezando coa elaboración dunha nota de prensa (acceso á descarga) na que facemos eco desta nova e manifestamos a nosa posición. Así mesmo, e co gallo de informar á cidadanía da realidade do proxecto e das alternativas propostas, vimos de establecer dúas xornadas abertas, consistentes nunha charla e nun roteiro informativo guiado pola contorna do espazo afectado polo proxecto e que terán lugar, respectivamente, os vindeiros días 21 e 22 de xaneiro de 2017 (acceso ao cartel das actividades).

Achégate e infórmate!