Este domingo, seguiremos Falando de natureza dende os nosos fogares. Nesta ocasión contaremos cunha xornada moi completa, que nos permitirá coñecer en profundidade catro das ferramentas dixitais (plataformas) máis salientables, dispoñibles para todos aqueles naturalistas que desexen aprender e compartir a súa paixón e coñecementos, no eido da nomeada como Ciencia Cidadá.

O concepto de Ciencia Cidadá aglutina aquelas iniciativas dirixidas á investigación científica, que incorporan como  protagosnistas de excepción aos membros da sociedade (expertos e público en xeral), a prol da construción colaborativa do coñecemento. Deste modo, os cidadáns convértense en actores esenciais, contribuíndo activamente a lograr un maior e mellor coñecemento do mundo que nos rodea, grazas aos seus esforzos e á información que aportan. 

Nunha sociedade día a día máis avanzada e tecnolóxica, proliferan os recursos dixitais (apps, websites, entre outras), que sen dúbida podennos axudar na nosa aprendizaxe, facilitarnos a recollida sistemática de información, permitirnos interactuar con expertos do noso eido, e colaborar en proxectos de interese ambiental. Coñecer algunhas destas ferramentas, o seu manexo e potencialidade, resulta de enorme valor para todos os apaixoados pola natureza, que desexen dar renda solta ás súas inquedanzas.

E para falarnos de todo isto, teremos a sorte de contar con:

  • Martiño Cabana: biólogo vencellado ao GIBE (Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva) da Universidade da Coruña, onde está a desenvolver a súa Tese de doutoramento sobre a distribución e conservación dos anfibios e réptiles de Galicia. Ao mesmo tempo, é Coordinador do Atlas de anfibios e réptiles de Galicia, e do Atlas de libélulas de Galicia. Tamé é actual Vicepresidente da Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT).

Naturalista avezado, coñece en profundidade o potencial da plataforma iNaturalist, e a súa aplicabilidade en proxectos de investigación.

  • Cosme D. Romay:  biólogo e alumno de doutoramento no programa de Bioloxía Celular e Molecular da Universidade da Coruña, co proxecto de tese “Taxonomía, bioxeografía e conservación das aves de Galicia“. Autor de decenas de artigos sobre aves e outros campos da historia natural, así como de varios libros de aves. Colaborador activo en numerosas iniciativas do G.N.Hábitat, considérase a sí mesmo un naturalista en proceso de aprendizaxe continua, a pesar da súa dilatada traxectoria e experiencia.

Damián é administrador de varios subsites, e validador de aves e outros grupos faunísticos na platarforma Observation.org

  • Alexandre Justo: biólogo e membro da Xunta Directiva da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO). Consultor ambiental especializado en seguemento de fauna, con máis de 10 anos de experiencia traballando en distintos proxectos de monitorización e conservación de aves. 

Hoxe día, Alexandre forma parte do equipo revisor de eBird en Galicia, ao que leve vencellado dende o ano 2016.

  • Miguel Serrano: traballador no Departamento de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en aspectos relativos á  evolución das plantas vasculares e na conservación da flora ameazada, eidos nos que acubilla numerosas publicacións científicas e unha dilatada experiencia profesional.

Miguel é Presidente da Asociación Biodiversidade, entidade que xestiona a plataforma colaborativa biodiversidade.eu

A emisión deste faladoiro, moderado polo compañeiro e Secretario do G.N. Hábitat, Manuel Cernadas, será en directo o domingo 24 de maio, ás 19h. Se estás interesado en participar como público poderás conectarte libremente a través das nosas canles de Facebook ou YouTube, e facer as túas consultas por escrito a través destas mesmas redes. Rematada a conferencia o moderador dará paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas.

Podes seguirnos na nosa canle de Youtube:

E tamén:

Directo na nosa páxina de Facebook

 

 

Agardámoste!