Tras os acontecementos sociosanitarios ocorridos en 2020 debido á covid-19, e a nova normalidade cara a cal nos diriximos, a saúde é o principal. De feito, un dos primeiros pasos que se deu na desescalda, xunto coa reactivación das actividades laborais non esenciais, foi a permisión da realización de aquelas actividades que se relacionan cunha vida activa e no exterior, como son os paseos ou o exercicio ao aire libre. 

A continuación, e progresivamente, neste plan de transición cara a nova normalidade, permitíronse outro tipo de actividades no entorno natural como o coidado de fincas, a pesca, a caza ou as actividades con empresas de ecoturismo, todas elas por suposto, respectando as medidas de seguridade e hixiene de obrigado cumprimento sinaladas polo Goberno en cada momento.

Sen embargo, as organizacións sen ánimo de lucro que nos dedicamos a realizar un ben social, non temos definido un marco legal que nos permita continuar a realizar, coas medidas oportunas, a nosa actividade, pois nin somos unha empresa nin tampouco as nosas accións están dentro das permitidas nesta transición á nova normalidade.

Por iso demandamos que:

As nosas actividades ambientais, orientadas á ciencia cidadá, ao coñecemento e á protección do medio, estean recoñecidas ao mesmo nivel que o deporte, a pesca ou un simple paseo, respectando en todo momento o marco sociosanitario que esixa o Goberno.

Fundamentamos esta demanda ademais, na importancia que neste momento ten, a transición ecolóxica cara o coidado do medio no que vivimos (onde respiramos, onde comemos, onde camiñamos…), pois atopámonos nun momento histórico no que as prioridades comezan a cambiar e importan tanto nas novas xeracións como á poboación en xeral. De aí a nosa insistencia, xunto coa de moitas entidades que estamos a reclamar en manifestos o recoñecemento das nosas actividades dentro do estado de alarma, e ante futuros escenarios onde se poda repetir esta situación.

Lembrar tamén que a realización de actividades de estudo, limpeza, investigación e etc., en contacto coa natureza, tamén son recomendables para a saúde física e mental, ao igual que os paseos e o deporte activo.

Esperamos pois que cara á nova normalidade á cal nos diriximos, actividades de estudo, conservación e coidado do medio natural como a nosa (e moitas outras), sexan tidas en conta. Temos claro que estamos nunha situación nova e que debemos ser comprensivos, e por este motivo facemos esta exposición, pois desexamos un novo escenario no que a natureza e os seus valores cobren a relevancia que merecen.

Saúde e Natureza!!