A VII Escola de Naturalistas chega ó seu fin, e que mellor xeito de rematala que repasando o aprendido ao longo de todos estes meses, realizando un bioblitz.

Ao longo desta andaina gozamos da natureza aprendendo sobre os diferentes eidos do naturalismo, coa boa compañía dos nosos expertos, aos que lle estaremos sempre agradecidos, e por suposto cos alumnos desta última promoción, hoxe día xa compañeiros, sen os cales esta aventura non tería sentido. Grazas a todos pola paixón e entusiasmo amosado en cada unha das 17 xornadas que compartimos.

É finalizamos esta escola cunha das actividades máis entretidas e completas: o BioBlitz….pero, que é isto? Pois ben, un BioBlitz é un estudo intensivo de campo que se desenvolve nun período curto de tempo, durante o cal se explora a diversidade biolóxica dunha determinada área para rexistrar o maior número de especies posible, da man de expertos. Isto faise directamente identificando algunhas das especies no campo, pero tamén fotografando todos os seres vivos (fauna e flora) e rastros detectados para a unha posterior determinación. Este BioBlitz permitiranos obter unha ampla información sobre a biodiversidade presente no espazo estudado, permitíndonos en certo modo coñecer as súas características naturais.

De seguro vai ser unha estupenda xornada!

Xa estamos a preparar a seguinte promoción da Escola de Naturalistas, así que… se queres aprender e gozar coa natureza, permanece atento e…NaturAlístate!!

Vémonos na Escola compañeiros!