Arrancamos motores neste 2020 coas actividades de Hábitat Protexe. Neste caso faremos algo diferente, sairemos pola noite a escoitar, ver e sentir a fauna nocturna. A actividade terá lugar nas instalacións do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) de 19:30h a 22:30h. Nesta ocasión contaremos coa colaboración dos nosos compañeiros do Grupo de anelamento Phylloscopus. Amosarannos diferentes técnicas de mostraxe de aves nocturnas e, en especial, da man de Francisco Javier García Rey descubriremos especies como as becadas (Scolopax rusticola) ou as becacinas (Gallinago gallinago), entre outras. Estas aves son especies invernantes, que veñen de moi lonxe, a meirande parte delas de Europa central e occidental, a pasar con nós o inverno. Son animais que polas noites saen dos bosques caducifolios para alimentarse de invertebrados nos prados. Tamén intentaremos escoitar rapiñas nocturnas, mamíferos, así como detectar a presenza de morcegos, e de algún insecto nocturno. 

Non perdades esta oportunidade!! As prazas son limitadas. Soamente son 15!! Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. Para poder asistir tes que inscribirte neste formulario:

 

Acceso ao formulario de inscrición

 

Tes ata o día 29 de xaneiro do 2020 para inscribirte!!

Logo no correo de confirmación recibirás as instrucións para realizar o abono:

  • Socios G.N. Hábitat: Gratuito (as cotas de socio do G.N.Hábitat xa aportan anualmente a entidades de custodia).
  • Nenos (menores de 14 anos): 5€
  • Adultos (maiores de 14 anos): 10€

Se quixeses aportar máis á entidade coa que participamos nesta actividade será moi ben recibido, axudará a protexer o noso.

O recadado destinarase INTEGRAMENTE á entidade de custodia: Asociación Galega de Custodia do Territorio, constituída en Rábade (Lugo) e que conta hoxe día con múltiples acordos na xeografía galega, valéndose sempre da custodia do territorio como ferramenta para a conservación e recuperación do patrimonio natural. 

É importante que recordes que para asistir a estas actividades é necesaria a inscrición previa e o pago por anticipado. Non se admitirán na actividade a persoas non apuntadas ou que non fixesen o pago no prazo establecido. 

Todos os participantes contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Anímate e ven connosco!