Acaba o ano 2017, de novo un ano cheo de bos recordos e lembranzas, rodeados de todos vós, que nos acompañades actividade tras actividade, sempre dando folgos para seguir traballando en prol da divulgación e protección do medio natural galego.

Este ano, coa inestimable axuda dos nosos colaboradores, para os que so temos palabras de gratitude, e con moito traballo, ilusión e dedicación, conseguimos sacar adiante 81 actividades que ofrecervos: os nosos Encontros Naturalistas mensuais, Actividades exclusivas para os nosos socios, Escolas de naturalistas, Maratóns ornitolóxicos, Certame de debuxo, Roteiros interpretativos, Xornadas de voluntariado, Charlas e conferencias, Actividades divulgativas en centros de ensino, Xornadas de apoio a Responsabilidade Social Corporativa, feiras de carácter medioambiental…

 

 

Contando sempre con vós, as 2400 persoas que convertéchedes cada iniciativa nun novo éxito de acollida e asistencia. Non nos queda máis que mostrarvos o noso agradecemento.

Na nosa parcela de estudo, estivemos implicados en multitude de proxectos como o da Custodia da Píllara das dunas, Lucanus Cervus, Informe da biodiversidade de diversos espazos da nosa contorna, Proxecto biodiversidade da Casa Grande de Xanceda, seguimos o convenio Universidade da Coruña – G.N. Hábitat, etc… ademais de finalizar o primeiro Mapa da diversidade biolóxica do Concello da Coruña.

Este ano tamén vimos o nacemento do Proxecto Noucho, que con moita ilusión e esforzo, pretende estudar, poñer en valor e protexer as, moitas veces esquecidas, rapinas nocturnas. Un proxecto a longo prazo que de seguro nos dará moitas alegrías ao grupo.

Realizamos 10 procesos de asesoramento ou denuncia ambiental, sempre intentando aunar esforzos, en prol da protección do medio natural, nos que tamén apoidamos a outras entidades amigas colaborando no desenrolo das súas propias iniciativas.

Este vindeiro 2018 seguiremos medrando grazas a ilusión e dedicación de todos os que formamos esta gran familia, unida pola mesma paixón que é o naturalismo. Esperámovos de novo!!

Grazas a todos por compartir este ano con nós!!

Saúde e Natureza para o 2018!!

A Xunta Directiva do G.N. Hábitat.