Conscientes da problemática que supón a contaminación da nosa contorna, así como das necesidades de concienciación cidadá e implicación activa en labores de limpeza de residuos, convidámosvos a participar nesta xornada organizada conxuntamente entre o G.N.Hábitat e a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, que prentede a posta en valor do traballo de persoas e entidades en prol da conservación do noso medio.

Ainda que centrada no impacto dos plásticos no medio mariño e na contorna litoral, aproveitaremos a actividade para falar tamén doutros tipos de contaminación, se cadra máis descoñecidos, como é o caso da contaminación lumínica. Así mesmo, na xornada contaremos coa presenza de Martin Hutchinson, quen virá a contarnos a súa abraiante e particular cruzada fronte aos residuos nos areais. Pero…Quen é Martin Hutchinson? Procedente do Reino Unido, Martin, bombeiro xubilado, dedica o seu tempo a percorrer o mundo en bicicleta (xa ten recorrido 34.000km en Sudamérica e 10.000km en Europa), facendo limpeza de praias e sensibilizando sobre o coidado medioambiental, especialmente en relación ao emprego de plásticos e á presenza de microplásticos na contorna mariña. Chegado á Coruña recentemente, atópase facendo actuacións pola comarca. Velaquí unha nova sobre o noso protagonista publicada recentemente no xornal La Opinión de A Coruña, e a súa canle youtube.

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o vindeiro sábado 20 de xaneiro ás 16h no local social do G.N.Hábitat. Así e todo, para a participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:

Acceso ao formulario de inscrición

 

Se a meteoroloxía acompaña no día da xornada,  logo das presentacións e charlas faremos unha breve saída ao areal da praia do Orzán, onde levaremos a cabo unha recollida de residuos entre todos. Pola contra, se as condicións fosen adversas, permaneceremos no local abrindo un debate máis amplo sobre a problemática da contaminación, expoñendo impresións, experiencias e propostas entre o grupo asistente. En calquera dos casos, a previsión de remate da xornada serán ás 18:30h.

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte da organización a través do correo electrónico achegado.

Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Anímate e ven connosco!