Dende Forética, asociación de empresas e profesionais da responsabilidade social empresarial / sustentabilidade líder en España e Latinoamérica, veñen de seleccionar ao Certame de Debuxo da Natureza “Vida silvestre do encoro de Cecebre” como un dos proxectos dentro da iniciativa Vida Sostenible en Ciudades.  Este recoñecemento ao traballo que ano a ano, e con moito esforzo, desenvolvemos dende o G.N.Hábitat da man de Emalcsa, fai que se confirme o acertado da nosa aposta pola ilustración como ferramenta para a implicación cidadá no contacto coa súa contorna natural.

Así e todo, o certame de debuxo (que cumple neste 2017 o seu primeiro quinquenio) non tería sentido sen todos aqueles participantes que, independentemente da súa idade e condición, nos asombran en cada convocatoria coas súas obras, facendo da divulgación ambiental unha realidade artística, aberta e participativa. Por todo isto, grazas de novo polos vosos esforzos e implicación.

Na iniciativa “Vida Sostenible en Ciudades” teñen participado un total de 236 empresas, 123 organizacións e 116 organismos públicos, cuxos proxectos teñen presenza en máis de 12 Comunidades Autónomas. Un total de 60 foron os proxectos seleccionados como os máis salientables (entre eles o noso benquerido certame de debuxo) nos ámbitos claves da sustentabilidade nas cidades: a comunicación e sensibilización, o deseño e a produción sustentable, a eficiencia enerxética, os estilos de vida sustentables, a salud ou a biodiversidade, entre outras temáticas.

Sen dúbida, un motivo máis para seguir traballando con ilusión, e coa natureza como musa indiscutible.