Comprácenos anunciar a próxima posta a andar dunha nova iniciativa no seo do Grupo Naturalista Hábitat: Falando de natureza.

Que pretende Falando de natureza? O obxectivo é claro, continuar coa aposta da entidade pola divulgación ambiental, poñendo en marcha faladoiros coa participación de diferentes convidados (intervenientes) e a presenza do público interesado (asistentes). En cada xornada trataremos unha temática diferente, procurando atender aos diferentes ámbitos do naturalismo nun espazo participativo e de conversa.

A proposta, que está a xerminar nestes duros tempos de confinamento, permitirá dar cabida ao longo do tempo a xornadas tanto virtuais, que se desenvolverán a través de videoconferencia (intervenientes e público participando dende os seus fogares), como presenciais no noso local social, comezando estas últimas unicamente cando a situación actual volva a normalidade e sexan seguras as reunións grupais. Deste xeito, Hábitat adáptase para continuar facendo o que máis lle gusta: compartir con todos vós a nosa paixón pola natureza.

Información para a participación a través de videoconferencias

A plataforma utilizada por Hábitat para o desenvolvemento das videoconferencias será Meet, ferramenta de Google que permite esta opción remota. Se estás interesado en gozar do faladoiro como público, poderás facelo libremente e conectarte á emisión en directo, sen necesidade de facer rexistro algún nin ter conta en google. Unicamente terás que facer “click” no botón de acceso á videoconferencia que estará dispoñible nesta web, na información que publicaremos para cada xornada, e que che permitirá enlazar directamente ao faladoiro. 

Así e todo, tendo presente que este formato virtual permitirá integrarse como público un gran volume de xente, e co gallo de optimizar o correcto desenvolvemento das xornadas, pregamos que teñas en conta as seguintes 

Normas básicas de participación nas videoconferencias

  1. – Accede nos tempos establecidos.

As conexións do público comezarán 15 minutos antes da hora de inicio do faladoiro. Neste espazo de tempo todos os interesados poderán acceder libremente. Unha vez comezado o faladoiro non se aceptarán máis entradas, a fin de minimizar as posibilidades de interrupción.

  1. – Apaga o teu micrófono en canto conectes. O vídeo, á túa elección.

En cada faladoiro serán os convidados (intervenientes) os que, a micrófono aberto, debatirán sobre o tema en cuestión, podendo ser escoitados por todo o público. Apagando o teu micrófono axudarás a minimizar as posibles interrupcións na conversa. 

No correspondente ao vídeo (imaxe), queda a túa elección decidir se queres ou non desactivalo, xa que non afectará ao normal desenvolvemento do faladoiro. Con ou sen él poderás ver e escoitar igualmente aos convidados.

Unha vez establecida a conexión, as iconas correspondentes para activar/desactivar audio e vídeo poderás atopalas na parte inferior da pantalla do teu dispositivo, coa seguinte simboloxía:

  1. – Se queres facer consultas, utiliza o chat 

No transcurso do faladoiro o público asistente poderá indicar se quere facer algunha consulta aos intervenientes, indicándoo a través do chat que está dispoñible dende a mesma videochamada. A icona correspondente poderás atopala na parte superior da pantalla do teu dispositivo, coa seguinte simboloxía:

Rematado o faladoiro un moderador dará paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades ás peticións de consulta achegadas polo chat. De ser o caso, o moderador poderá ceder a palabra á persoa do público para que esta poida facer a súa consulta co micrófono aberto, ou ben procederá á lectura das consultas enviadas polo chat.

Dende o G.N.Hábitat agardamos a vosa comprensión por calquera complicación que puidera xurdir no transcurso dos faladoiros. Traballaremos en base á experiencia, procurando resolver as eivas detectadas e mellorando día a día para facer deste formato un recurso áxil e dinámico, que nos permita achegar a natureza a todas as vosas casas.

Agora máis que nunca, Saúde e natureza!