Neste mes de xullo continuamos cos nosos Encontros Naturalistas, onde todos os amantes da fotografía da natureza temos unha cita obrigada. Contaremos co compañeiro Luis Manuel Iglesias, autodidacta coruñés apaixoado dende novo pola harmonía entre fotografía e natureza, que virá a falarnos desta arte como ferramenta perfecta para achegarse á natureza, ao tempo que aproveitará para presentarnos as súas obras máis recentes no eido da macrofotografía:

  • Macrofotografía. Consigue Realizar 50 imágenes espectaculares (JdeJ editores).
  • Macrofotografía de naturaleza. El análisis de la técnica en profundidad (Tundra Ediciones).

Froito do seu traballo incansable, e grazas a súa sensibilidade e coñecemento naturalista, Luis ten acadado galardóns nos máis prestixiosos certames internacionais de fotografía de natureza. Así mesmo, ademais das obras que virá a presentarnos, ten plasmado xa a súa experiencia noutras publicacións, coas que de seguro todo amante desta técnica poderá gozar da riqueza e matices da vida silvestre.

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o vindeiro venres 28 de xullo ás 20:30h no noso local social. Así e todo, é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:

Acceso ao formulario de inscrición

As prazas son limitadas. Os socios do G.N.Hábitat terán preferencia para a participación na xornada. En calquera caso seguirase unha rigurosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada

Anímate e ven connosco!